O Concello de Pontevedra habilitou esta semana un novo servizo de atención aos pontevedreses, nesta ocasión aos maiores de 65 anos e persoas con problemas de mobilidade que residen sós. Entre o martes e o mércores, a través dos traballadores sociais dependentes da concellaría de Benestar Social fixéronse 3.400 chamadas a estas persoas empadroadas en Pontevedra, das que o Concello ten constancia que residen sós.
Preguntóuselles polo seu estado, polas súas necesidades e ofrecéuselles a posibilidade de recibir un servizo de asistencia para cubrir as necesidades básicas, como facer a compra, acudir á farmacia... ou outras situacións similares e urxentes, fixadas dentro do decreto do estado de alarma.
Ademais, a concellaría pon a disposición da veciñanza dous teléfonos para asistir a estas persoas (ou a aquelas que non fosen contactadas porque non estiveran nos rexistros municipais).
Os teléfonos de atención son:
- 986 85 03 98
- 986 84 83 34
Estes teléfonos estarán operativos de 08.00 a 20.00 horas, en horario ininterrompido. Fóra destas horas, o servizo estará cuberto polos corpos de seguridade: Policía Local e Policía Nacional (986 83 30 80 e 091), segundo o caso.
Este servizo de atención a persoas maiores e con problemas de mobilidade vense a sumar a outros xa postos en marcha polo Concello, a través da coordinación da concellaría de Benestar Social, como a atención aos cativos usuarios de servizos sociais bolseiros nos comedores escolares; a realización de quendas e entrega de fiambreiras para os usuarios do comedor de San Francisco; ou a habilitación de espazos de residencia e estar para indixentes.
RECOLLIDA DE LIXO DOS DOENTES
Outro dos servizos que está operativo dende este mesmo luns é o de recollida de lixo das persoas doentes do municipio.
O procedemento é o seguinte. Os positivos deberán poñerse en contacto coa Policía Local (986 83 30 80) que informará ao servizo de lixo do Concello que recollerá as bolsas, perfectamente pechadas, porta a porta e coas cautelas sanitarias establecidas. Estes usuarios especiais deberán deixar o seu lixo aparte do resto da familia.
O Concello tamén lembra outros servizos excepcionais postos en marcha nestes tres días e que están a disposición de todos os veciños de Pontevedra coa seguinte casuística:
- Teléfonos de emerxencia e consultas xerais:
- Centraliña municipal, de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas
- 986 100 185
- 986 80 43 00
- Policía Local: 24 horas
- 986 83 30 80
- Centraliña municipal, de luns a venres de 09.00 a 14.00 horas
- Vítimas de violencia machista, dispoñible de 09.00 a 21.00 horas
- 900 119 741
- 606 400 680 (atención as 24 horas)