O Concello confirma que só autoriza vivendas turísticas en baixos ou primeiros e insta á Xunta a regularizar a situación

Pontevedra
27 de xullo 2021

"A entidade que autoriza ou que ten unha lista de vivendas de uso turístico é a Xunta, e xa sabe cal é a posición do Concello", indica Xaquín Moreda, "é a Xunta é a que ten que regularizar a súa listaxe de vivendas de uso turístico e quitar as que están nesta situación"

Xaquín Moreda
Xaquín Moreda / Cristina Saiz

O concelleiro de Urbanismo de Pontevedra, Xaquín Moreda, valorou este martes a sentenza dada a coñecer o luns na que un xulgado avala a decisión do Concello de clausurar unha vivendas de uso turístico (VUT) na rúa Sagasta porque a súa propietaria non lle confirmaba formalmente á Administración local e porque está situada nun quinto piso dun edificio cando a normativa municipal só permite que no centro de Pontevedra se instalen nas plantas baixa ou primeira. 

A modo de valoración, Moreda insistiu en que "queda claro que pola nosa banda só permitimos nos baixos ou nas primeiras plantas" e pon a pelota no tellado da Xunta para regulación e vixilancia de que se cumpran as normas.

"A entidade que autoriza ou que ten unha lista de vivendas de uso turístico é a Xunta, e xa sabe cal é a posición do Concello", indica, "a Xunta é a que ten que regularizar a súa listaxe de vivendas de uso turístico e quitar as que están nesta situación".

O Concello lembra que no Plan Xeral aparece recollida a información pertinente á realización de actividades terciarias en bloques residenciais, sinalando que esta debe estar limitada á planta baixa e ao primeiro andar do edificio.

Ademais, sinala que a propietaria da vivenda en cuestión recorreu esta decisión e o maxistrado titular do Xulgado Contencioso- Administrativo número 1 de Pontevedra desestimou o recurso e considerou adecuada a actuación da entidade local.

O concelleiro de Urbanismo insiste en que as vivendas de uso turístico en Pontevedra "non son ningún problema" e en que o Concello "non actúa de oficio á hora de atender este asunto agás nas subvencións relacionadas cos ARI".

Neste senso, indica que pois tivo constancia de vivendas que solicitaron axudas para rehabilitación dentro do uso residencial, mais detectouse que estaban sendo utilizadas para alugueiro de uso turístico, o que derivou na apertura dun expediente para que o propietario devolva a axuda solicitada. Doutra banda, as vivendas de uso turístico que solicitaron estas axudas tampouco poderán recibilas, quedando xa denegadas as súas peticións.

No caso que se deu a coñecer esta semana, o servizo de Disciplina urbanística abriu un expediente á vivenda por mor da denuncia dunha veciña por ruídos e, tras analizar o caso, respondeu clausurando a actividade. A propietaria recorreu pedindo a nulidade da orde de cesamento de actividade e do expediente de disciplina urbanística, que sostén que a súa actividade non é legalizable no seu emprazamento actual e que, no caso de que se manteña a súa actividade, pode enfrontarse ao pago dunha multa.

A sentenza conclúe que a interpretación que o Concello de Pontevedra deu á normativa urbanística, entendendo que nos edificios de vivendas da zona centro as VUT só se poden implantar nas plantas baixa ou primeira, "é conforme a Dereito".