O Concello confía en ter despregados composteiros por todo o rural cara finais de 2020

Pontevedra
23 de setembro 2019

A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, estima que os preto de 8.000 composteiros adquiridos polo Concello estarán entregados en todas as parroquias cara finais de 2020. Ao mesmo tempo, intensificarase a colocación de módulos comunitarios de compostaxe en diferentes ámbitos urbanos

Entrega do primeiro composteiro individual en Tomeza
Entrega do primeiro composteiro individual en Tomeza / Concello de Pontevedra

Primeiro foi Tomeza, onde xa se comezaron a entregar, e a partir de agora será a quenda de Salcedo e Campañó. A repartición dos composteiros individuais no rural é imparable e o Concello promete non afrouxar o ritmo.

A portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, estima que os preto de 8.000 composteiros adquiridos polo Concello estarán entregados en todas as parroquias cara finais de 2020.

Ao mesmo tempo, a edil avanzou que se intensificará a colocación de módulos comunitarios de compostaxe en diferentes ámbitos urbanos.

A intención do Concello é poder licitar o novo contrato de recollida de lixo e limpeza diaria no prazo máximo de dous anos e espera que dea á administración municipal "as mesmas alegrías" que o da auga.

Mentres tanto, avanzou a portavoz municipal, nos próximos meses sacarase a concurso o prego do contrato de limpeza das dependencias municipais.

Ademais, tamén se intensificará nos próximos días a recolleita porta a porta de vidro, cartón e papel dos locais comerciais da cidade, para reducir o volume de lixo que se acumula nas rúas de Pontevedra.