A cadea de supermercados alemá Aldi abrirá un segundo supermercado na cidade de Pontevedra.
Ao coñecido proxecto de reforma das instalacións de Vialia, na estación de trens, súmase agora a licenza urbanística que este martes concedeu a Xunta de Goberno Local para a construción, acondicionamento e instalación de nave para a súa apertura con destino a supermercado no predio situado na Avenida de Lugo, número 58.
O terreo, contiguo á gasolineira, ten unha superficie de 5.878 metros cadrados e a superficie para construír é de 1.524 metros cadrados.
A promotora Aldi Real Está SLU orzou a obra en 1.231.081 euros e depositou unha fianza de 16.000 euros no Concello de Pontevedra para poder iniciar os traballos. Aldi poderá empezar coa obra ao longo dos próximos 6 meses e conta cun prazo de execución de dous anos.
A portavoz do goberno local, Anabel Gulías valorou positivamente a concesión desta licenza, que foi solicitada a finais de 2021, xa que estas obras "son importantes e xeran un impacto positivo na cidade" e demostran que Pontevedra "recobra o dinamismo económico".
A previsión da cadea Aldi é que poida abrir o supermercado de Vialia no outono próximo, despois de asinar un contrato de 20 anos co Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), que xestiona esas instalacións.