O Concello compra a Casa do Pobo de Corredoira por 25.199 euros

Cerdedo-Cotobade
24 de outubro 2019

Agora, para formalizar este acordo, o goberno local convocou para este venres unha comisión informativa específica para este asunto e o mércores da vindeira semana, día 30, celebrará un pleno extraordinario que pechará a adquisición do inmoble, financiado ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, a falla de que o propio alcalde asine o contrato coa administración central

Anteproxecto de rehabilitación da Casa do Pobo da Corredoira
Anteproxecto de rehabilitación da Casa do Pobo da Corredoira

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, anunciou que o vindeiro mércores formalizarase oficialmente a adquisición da Casa do Pobo de Corredoira por parte do Concello despois de chegar a un acordo co Estado, que era o seu propietario, e "co obxectivo principal de recuperala para os veciños e que poidan usala con total liberdade e seguridade e que ademais poida beneficiarse dunha fonda rehabilitación".

Cómpre sinalar que, tras máis de dous anos de negociación co Estado, o Concello conseguíu un acordo a comezos deste mes coa oficialía maior encargada da xestión das propiedades e bens sindicais do Ministerio de Empleo. En concreto, pactouse unha cifra de compravenda de 25.199 euros, que quedou fixada pola tasación pericial da Sociedade Estatal de Xestión Inmobiliaria de Patrimonio.

Agora, para formalizar este acordo, o goberno local convocou para este venres unha comisión informativa específica para este asunto e o mércores da vindeira semana, día 30, celebrará un pleno extraordinario que pechará a adquisición do inmoble, financiado ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, a falla de que o propio alcalde asine o contrato coa administración central.

"Esta negociación deu moitísimo traballo, pero téñoo por moi ben empregado porque permite devolverlles aos veciños de Corredoira a súa Casa do Pobo despois de que lles fora incautada polo franquismo e ademais o conseguimos co maior dos coidados co diñeiro público, xa que pelexamos ata o último euro", dixo o alcalde.

Tras formalizar a compravenda, Cubela anunciou que este edificio beneficiarase dunha completa rehabilitación cunha partida estimada duns 70.000 euros que se enmarca no Plan de Centros Veciñais, co que se actúa neste momento en Cutián, Caroi, Chamadoira e Tenorio. Posteriormente, cederase o seu uso á parroquia para as súas actividades.