O Concello colabora cos gastos do aluguer do almacén do Banco de Alimentos

Pontevedra
15 de xuño 2020

Segundo lembrou a concelleira Carme Da Silva, que exerceu este luns de portavoz do Goberno local, "existe unha colaboración continuada" do Concello con esta entidade social que se fixo "moi intensa" nos últimos meses polas necesidades derivadas da crise da Covid-19

Banco de Alimentos de Pontevedra
Banco de Alimentos de Pontevedra / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra aprobou este luns en Xunta de Goberno o convenio co Banco de Alimentos para colaborar no financiamento dos gastos do aluguer do local, por un importe de 2.000 euros.

Segundo lembrou a concelleira Carme Da Silva, que exerceu este luns de portavoz do Goberno local, "existe unha colaboración continuada" do Concello con esta entidade social que se fixo "moi intensa" nos últimos meses polas necesidades derivadas da crise da Covid-19.

Nunha recente visita do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Benestar Social, Paloma Castro, ao almacén da entidade na rúa Faustino Santalices, informouse que, a dia de hoxe, o Banco de Alimentos presta axuda a un dous mil veciños da cidade do Lérez.

No que vai de ano xestionou ao redor de 35,5 toneladas de alimentos, tanto de maneira directa como a través de diversas oenegués coas que colabora. Durante os meses de confinamento o Banco de Alimentos en colaboración co Concello distribuíu comida "porta a porta" a 172 familias do municipio.