O Concello chama á mobilización veciñal logo da negativa de Abanca a manter operativa a oficina de Campelo

Poio
02 de setembro 2021

A manifestación será este venres 3 de setembro, ás 20.30 horas, nas proximidades da sucursal. Os dirixentes municipais insistiron na reunión mantida cun representante da entidade bancaria, na necesidade de habilitar un caixeiro automático en Raxó, petición que será estudada por Abanca

Os dirixentes municipais trasladaron ao responsable de Abanca os problemas que suporá o peche da oficina de Campelo
Os dirixentes municipais trasladaron ao responsable de Abanca os problemas que suporá o peche da oficina de Campelo / Concello de Poio

O Concello de Poio fai un chamamento á cidadanía para que participe na mobilización convocada para este venres, día 3 de setembro, a partir das 20.30 horas, en Campelo, para deixar claro o rexeitamento contra a decisión de Abanca de pechar a oficina situada na rúa Pedro Soto a partir do vindeiro mércores 8. 

O Goberno local anima á veciñanza a postularse en contra desta medida, que suporá un grave problema para moitas persoas da parroquia de San Xoán, logo da reunión mantida este xoves entre representantes de todos os grupos da Corporación e un directivo territorial da entidade financeira. 

Os dirixentes municipais trasladaron ao responsable de Abanca os problemas que suporá o cese deste servizo, especialmente entre as persoas maiores e aquelas que non teñan medios para desprazarse ata A Barca ou Combarro, quedando, deste xeito, sen posibilidade de recibir asistencia presencial. 

A pesar destes argumentos, a entidade bancaria négase a manter operativa a oficina, algo que desde o Goberno local consideran "un enorme prexuízo", sendo "unha decisión que atende exclusivamente a motivos económicos, sen ter en conta as necesidades dun núcleo no que, ademais de contar cun elevado número de habitantes, existe unha importante actividade en sectores como o comercio ou o mariñeiro, coa lonxa e as Confrarías". 

Deste xeito, o Concello de Poio non só seguirá cara adiante coas mobilizacións de protesta, senón que tamén realizará unha campaña informativa para animar a colectivos e particulares a retirar os seus fondos e contas de Abanca, medida que tamén aplicará a Administración local, tal e como se acordou no último Pleno ordinario.

A reunión estivo presidida polo alcalde, Luciano Sobral, estando tamén presentes, en representación dos grupos da Corporación, Marga Caldas (BNG), Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), Silvia Díaz (Avante) e Ángel Moldes (PP). No encontro deixouse patente, ademais, que o feito de deixar habilitado un caixeiro automático en Campelo "nin moito menos soluciona o problema que provocará o peche da oficina", un peche que, de confirmarse, será o terceiro que sufra Poio nos últimos anos, logo dos aplicados na Seara e en Raxó. 

"Non podemos aceptar que se sigan aplicando estas medidas nun concello que supera os 17.000 habitantes e que é un referente turístico a nivel nacional", incide o Goberno local, que tamén instou a Abanca a que habilite un caixeiro na parroquia de Raxó. O seu representante comprometeuse a dar traslado desta petición aos dirixentes para estudar esta opción.