O Concello celebra que Bruxelas "tome cartas no asunto" pola deficiente depuración de augas da Ría

Pontevedra
27 de novembro 2014

Tras destacar que a depuración de augas residuais é "prioritaria" para o Concello de Pontevedra, Raimundo González apuntou que, no que atinxe ao goberno municipal, "temos o traballo feito". Neste sentido, recordou que xa demandaron á Xunta de Galicia, entre outras actuacións, un novo convenio para completar o saneamento das parroquias do rural ou as obras do colector do Gafos

César Mosquera e Raimundo González, no pleno municipal
César Mosquera e Raimundo González, no pleno municipal / Mónica Patxot

En Pontevedra aínda non teñen coñecemento oficial da denuncia que presentará Bruxelas contra España por non garantir que as augas residuais urbanas sexan tratadas correctamente en diversas zonas do país, entre elas a Ría de Pontevedra. Pero iso non impide que o concelleiro Raimundo González asegurase que o goberno municipal "saúda" esta decisión da Comisión Europea porque supón, di, que "tomen cartas non asunto".

Tras destacar que a depuración de augas residuais é "prioritaria" para o Concello de Pontevedra, Raimundo González apuntou que, no que atinxe ao goberno municipal, "temos o traballo feito". Neste sentido, recordou que xa demandaron á Xunta de Galicia, entre outras actuacións, un novo convenio para completar o saneamento das parroquias do rural ou as obras do colector do Gafos.

"Nós fixemos os deberes no que nos corresponde", sinalou o edil do BNG. A ría de Pontevedra, explicou, para poder protexer a actividade económica que xera "ten que estar saneada de forma integral". E reiterou que se trata dunha competencia "exclusiva" da Xunta de Galicia.

Raimundo González recoñeceu que a situación da depuración das augas residuais da ría de Pontevedra non é a desexada e culpou entre outros factores á propia depuradora, a diferentes colectores ou a núcleos doutros concellos "que verten directamente á ría".

E como non, a Ence. A iso súmase, dixo, que a Xunta de Galicia "co que lle tería que cobrar á empresa polo canon da auga, daría de sobra para ter ría inmaculada".

O PSOE RECLAMA "MEDIDAS" AO GOBERNO

O coordinador dos socialistas galegos no Congreso, Guillermo Meijón, reclamou ao Goberno a adopción de "medidas" ante a denuncia da Unión Europea polo "deficiente" tratamento das augas residuais na ría de Pontevedra. A través dun comunicado, anunciou a presentación dunha batería de iniciativas na Cámara baixa para pedir ao Executivo "unha resposta proactiva" co fin de que, en colaboración coa Xunta, se proceda a deseñar un plan operativo que permita dar unha solución rápida e eficaz a este problema".

Arquivado en