O Concello celebra que a Feira Franca funcionara "como un auténtico reloxo"

Pontevedra
09 de setembro 2024

A pesar de que a organización foi "complexísima", Demetrio Gómez destacou que "saiu todo perfectamente" e todos os que participaron desta celebración "non tiveron que preocuparse por nada" e puideron gozar dela sen que se rexistrasen incidentes

Xantares na rúa na Feira Franca 2024
Xantares na rúa na Feira Franca 2024 / Cristina Saiz

O goberno municipal de Pontevedra celebrou o éxito que, un ano máis, obtivo a Feira Franca. E máis, defendeu o edil responsable de festas, Demetrio Gómez, cando foi "unha das máis complexas de organizar" polas condicións climatolóxicas.

"Foi unha Feira Franca realmente emocionante", sinalou o concelleiro pontevedrés, que recoñeceu que a organización da festa traballou "cos nervios a flor de pel" para que todo funcionase "correctamente", especialmente na madrugada do venres ao sábado.

A pesar de que a organización foi "complexísima", Gómez destacou que "saiu todo perfectamente" e todos os que participaron desta celebración "non tiveron que preocuparse por nada" e puideron gozar dela sen que se rexistrasen incidentes.

Ademais, engadiu que o domingo toda a cidade "estaba perfectamente organizada para retomar a normalidade", polo que agradeceu o traballo de todos os servizos municipais e das empresas que colaboraron coa organización.

A iso, Demetrio Gómez sumou o recoñecemento a todos os pontevedreses e pontevedresas por demostrar que "saben saír á rúa, gozar da festa e da cidade", contribuíndo a que a Feira Franca, ano tras ano, "vaia como un auténtico reloxo".

Arquivado en