O Concello cede os terrenos do novo edificio xudicial á Xunta tras concluír os trámites de rexistro

Pontevedra
05 de marzo 2015
Actualizado: 19:48

Así o anunciou este xoves o concelleiro de Patrimonio, Vicente García Legísima, quen avanzou ademais que xa se comunicou á Xunta de Galicia esta circunstancia, toda vez que era o requisito que esixía o goberno galego para dar comezo ás obras de construción

Vista aérea dos Xulgados da Parda e a parcela (á esquerda) para o novo edificio
Vista aérea dos Xulgados da Parda e a parcela (á esquerda) para o novo edificio / Diego Torrado

Os terreos nos que se construirá o novo edificio xudicial da Parda xa están rexistrados a nome do Concello de Pontevedra. Así o anunciou este xoves o concelleiro de Patrimonio, Vicente García Legísima, quen avanzou ademais que xa se comunicou á Xunta de Galicia esta circunstancia, toda vez que era o requisito que esixía o goberno galego para dar comezo ás obras de construción.

"Xa está todo regularizado", destacou García Legísima, quen recoñeceu que os trámites de inscribir as parcelas no Rexistro da Propiedade e no Catastro foron máis "farragosos" do que esperaba o goberno municipal. Pero insistiu que os terreos xa eran municipais desde hai tempo.

Todas as parcelas están inscritas a título individual, pero o Concello cre que o mellor sería agrupalas nunha única escritura, aínda que ese trámite -que será pagado polas arcas municipais- dependerá da fórmula que prefira a Xunta de Galicia. De feito, o edil nacionalista explicou que pediron unha reunión da comisión de seguimento para "certificar" esta cesión e analizar os pasos a dar a continuación.

En todo caso, o responsable de Patrimonio afirmou que dende o Concello "daremos todo tipo de facilidades" para que a Xunta inicie canto antes as obras do novo edificio. Con todo, reiterou que a posta a disposición dos terreos está realizada dende febreiro de 2012 "e non foi contestada formalmente, polo que nós entendemos que foi aceptada no seu día", polo que as obras poderían terse iniciado xa entón.

Legísima volveu a poñer o exemplo do centro de piragüismo do Pontillón do Castro, executado pola Xunta en 2005 e que, a principios do pasado ano, aínda non estaba rexistrado a nome do goberno autonómico, "igual que a Xunta en Campolongo", cuxa construción concluíu cando aínda non eran titulares dos terreos. Explicou que habendo un "documento privado" se poden ir facendo todo tipo de traballos, aínda que non se realizase a cesión definitiva.

Para a construción deste novo edificio xudicial, o Concello de Pontevedra tivo que pagar 1.321.177,98 euros para expropiar as máis de trinta parcelas que forman este ámbito, cun total duns 12.000 metros cadrados. Só dous dos propietarios non aceptaron a oferta realizada e presentaron un contencioso administrativo, un proceso que en todo caso non paraliza o proceso.

JACOBO MOREIRA VISITA OS TERREOS

Alleo ao anuncio que realizara unha hora antes o concelleiro de Patrimonio, Jacobo Moreira acudía ás inmediacións dos terreos para o novo edificio xudicial. O candidato do Partido Popular á Alcaldía comprometeuse a entregalos á Xunta, organismo que recordou "dende hai máis de cinco anos está a apostar pola súa construción, a pesar de que o goberno local non lle está a poñer as cousas doadas".

Moreira reiterou que "se os cidadáns nos dan a súa confianza" Pontevedra terá "asegurado" este novo edificio xudicial, no que se prevé investir preto de 20 millóns de euros. Neste sentido, o candidato popular afirmou que lle parece "lóxico" que a Xunta non iniciase as obras aínda "porque non é legalmente posible iniciar unhas obras nuns terreos que non son da súa propiedade".

A XUNTA NON TERMINA DE FIARSE

Tras coñecer a noticia, desde a Vicepresidencia da Xunta de Galicia recordan que o Concello de Pontevedra "xa ten feito este mesmo anuncio en anteriores ocasións, sen que ata o de agora aportaran ningunha documentación". Agardan que por fin este proxecto poida desbloquearse e "sexa unha realidade o antes posible", xa que lamentan que os cidadáns de Pontevedra e a súa comarca "levan cinco anos esperando" por esta infraestrutura xudicial.

Vicepresidencia lembra que o acordo de colaboración entre a Xunta e o Concello para a cesión dos terreos foi asinado o 10 de maio de 2010, "e ata o de agora o Concello non puxo a disposición da Xunta os terreos". A pesar diso, apuntan, a Xunta contratou a redacción do proxecto básico e de execución do novo edificio xudicial e reflectiu nos orzamentos da Xunta esta actuación.

O goberno galego sinala "tan pronto o Concello ceda os terreos", procederáse de maneira inmediata á licitación da obra. "Dende o principio, o Concello de Pontevedra coñece cales son os requisitos legais e rexistrais para que a Xunta de Galicia poida aceptar a parcela", reiteran. "Agardamos que por fin estén cumprimentados".