Debido aos incidentes ocorridos no Campionato de España de Longa Distancia do ano pasado que dificultaron a xornada laboral dos traballadores do Mercado de Abastos, o Goberno local quixo transmitirlle ás praceiras as súas intencións de interferir o mínimo posible na súa labor e o compromiso de asegurar o acceso ao mercado, que pasa xusto polo centro do circuito, durante a celebración do Tríatlon do 27 de abril ao 5 de maio.
As concelleiras Anxos Riveiro e Anabel Gulías, xunto ao portavoz da Policía Local, Manuel Omil, reuníronse este luns na Casa Azul coas traballadoras para explicarlles o desenvolvemento do proceso, facilitarlles planos das carreiras e coñecer as posibles confrontacións que pode xerar o campionato no seu quefacer.
En primeiro termo, as concelleiras quixeron aclarar que, neste caso, o acceso á praza estará garantido para propietarios, vendedores e clientes e que haberá na zona persoal encargado de facilitar a circulación e limitar o acceso para que a zona non quede conxestionada durante o desenvolvemento das diferentes probas.
Advertiron que os dous días en que a celebración do evento pode interferir en maior medida co desempeño do mercado son o 27 de abril e o 4 de maio, coincidindo ambos en sábado. Malia as enormes cantidades de xente previstas para ambos días, o funcionamento do mercado estará asegurado. Para elo, colocaranse cartaces indicativos nas zonas cortadas para facilitar a chegada aos clientes e entregaráselles aos mercadeiros planos con indicacións para colocar nos seus postos e advertir os compradores con polo menos unha semana de antelación.
En canto ao tráfico, Manuel Omil explicou as correccións que realizaron este ano a fin de minimizar o impacto negativo do evento. Por exemplo, no caso das bicicletas, o percorrido anterior chegaba á glorieta da Ponte das Correntes, sendo a Ponte da Barca a única saída para os habitantes de Poio e arredores, mentres que este ano ámbalas quedarían liberadas.