A brigada municipal de Obras actuou este luns no aparcadoiro público gratuíto de Ponte Zapal, que presentaba fochas debido ás intensas chuvias deste inverno.
Precisamente, o mal tempo era o que impedía volver actuar sobre a parcela, á que se lle botou xabre compactado para alisar o terreo e facilitar o estacionamento no mesmo.
Esta actuación non foi posible facela antes polas inclemencias meteorolóxicas, pero o bo tempo destes días permitiu actuar e mellorar este espazo, que dá servizo a toda a zona da Praza de Abastos e de Rúa da Ponte.
De feito, desde o Concello de Marín explican que se segue traballando na búsqueda de novas parcelas por todo este entorno que veñan sumar prazas de estacionamento na zona, tratando de responder á demanda da cidadanía neste sentido.
Por outra banda, o Concello lembra que aínda están abertas as enquisas de participación para comerciantes e para a cidadanía sobre a situación do comercio e o estacionamento no centro urbano.
ESTRADA DE ACCESO A PASTORIZA
O concelleiro de Medio Rural, Pablo Novas, informou da solicitude presentada polo Concello para acadar unha subvención coa que sufragar a primeira fase da actuación na estrada que dá acceso ao núcleo de Pastoriza, na PO-313.
A axuda imputaríase ao Plan Marco de Mellora de Camiños Municipais de acceso a parcelas agrícolas 2024-2025, financiado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
Actualmente esta estrada atópase deteriorada, tanto polo paso do tempo como polo intenso uso que se fai dela, xa que é a principal vía de acceso ao núcleo de Pastoriza.
A primeira fase do proxecto consistiría na rehabilitación e ampliación do firme, así como na mellora da drenaxe da plataforma da vía. Beneficiaría a 1.565 metros cadrados de superficie. "Este tramo que engloba a primeira fase é o que se atopa en peor situación, por iso é o que se prioriza para realizar esta inversión, que é limitada", explica Novas, xa que a contía total da subvención non chega para facer todo dunha vez. O orzamento do proxecto ascende a 45.987,92 euros (sen IVE).
Por outra banda, o concelleiro explicou que está a redactarse un proxecto integral de mellora de camiños en todas as parroquias, incluíndo no mesmo aquelas vías que presentan un estado máis deteriorado.