Un chamativo e orixinal collage composto por partes dos rostros de homes de diferentes xeracións, deseñado pola fotógrafa Beatriz Císcar, é a imaxe que este ano protagoniza a contundente campaña gráfica impulsada pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Baixo o lema 'Depende de ti, depente de nós', a campaña, que este luns se puxo en marcha co despregue dunha pancarta no balcón da Casa da Luz e que inclúe a distribución de 1.500 bolsas 'tote bag', a instalación de cartelóns en 35 mupis situados por toda a cidade e o reparto de 200 carteis por edificios institucionais, institutos, facultades universitarias e centros sociais das parroquias, busca apelar á responsabilidade dos homes para acabar coas violencias machistas e os convida a reflexionar sobre a súa obriga moral de loitar contra o acoso, a humillación, o control, a violación...
"É unha campaña contundente, directa e reflexiva. Non podemos ser cómplices da violencia machista e pretendemos sinalar non só ao home que maltrata como culpable, senón tamén ao resto da poboación. A responsabilidade de parala antes de que se converta en algo irreversible é de todos". Deste xeito expresou a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, o principal obxectivo desta iniciativa gráfica tras un acto de despregue da campaña no que tamén participaron a propia Bea Císcar; os concelleiros Carme Fouces, Alberto Oubiña e Silvia Junco; a directora do CIM, Rosa Campos, e a axente de Igualdade Mercedes Renda.
Segundo explicou Císcar, "a través da técnica do collage, pretendemos recrear a cara dun home, alonxándonos de calquera estereotipo clásico de home cis hetero normativo e despersonalizando ao home, no sentido de que calquera home, con independencia da súa idade, clase, estilo... pode exercer a violencia machista e tamén pode parala, xa sexa denunciando ou evitando unha pelexa, comentario, insultos ou micromachismos". "Empregar o collage -apuntou a fotógrafa- fai que todos se poidan ver representados e os involucra, dalgún xeito, nesa obriga moral de tentar deter a violencia contra as mulleres. Quixen mesturar un pouquiño homes de tódalas idades e estilos para destacar esa idea de que todos somos cómplices".
Tal e como subliñou Rosa Campos, "todo o que ten que ver coa violencia machista sempre recae en nós, as mulleres, cando a sufrimos, pero non somos nós as que a perpetramos", e por ese motivo "é importante sensibilizar aos homes, que non son maltratadores a maioría deles, para que rexeiten dalgún xeito esa violencia activamente e non só de portas para dentro". "Pedímoslle pois a toda a sociedade, pero fundamentalmente aos homes -engadiu a directora do CIM-, que non lles dean cobertura aos maltratadores".
Ademais, neste 25N, o Concello de Pontevedra tamén pretende alertar á cidadanía do crecente negacionismo que se está a estender entre os mozos e da relación existente entre o consumo de pornografía e prostitución coas violencias sexuais entre a mocidade, e incidir na importancia de deixar de xustificar, escusar e rirlle as grazas aos nosos colegas machistas.
O programa deseñado pola Concellería de Igualdade e o CIM co gallo do 25N inclúe a lectura do Manifesto do Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres no Pleno Municipal (cuxa redacción estará este ano a cargo da xornalista e escritora Montse Fajardo) o luns 21 de novembro, o pase da obra de teatro Cariño para os institutos de Pontevedra o 23 (participarán no coloquio final co público asistente a actriz, Grial Montes, e a propia Fajardo) e o acto da campaña Mulleres en Acción, Violencia Zero (organizado pola Deputación en colaboración co Concello), que lle porá o colofón, xunto coas concentracións e manifestacións impulsados desde o movemento feminista, a estas datas de reivindicación e loita contra unha das maiores lacras da nosa sociedade.
A partir do luns 21 tamén se poderá visitar por diversos comercios de Pontevedra unha exhibición fotográfica do obradoiro de autoestima e empoderamento Namórate de Ti, e a Casa das Campás acollerá o venres 26 novembro entre as 19:00 e as 20:30 horas un novo Faladoiro Feminista sobre a mercantilización e a explotación sexual como violencia extrema contra as mulleres (pornografía e prostitución), con Lorena Añón Loureiro e unha representante da asociación Faraxa, pola abolición da prostitución. Moderará a xornalista Diana López Varela.
Este mércores 16 de novembro ás 20:00 horas desenvolverase no Teatro Principal un cinefórum e coloquio sobre o documental ‘Onde máis doe’; o xoves 17 de novembro ás 11:00 horas celebrase o acto de entrega do Premio Ernestina Otero Sestelo 2022, tamén no Principal, coa actuación da contacontos Tareixa Alonso, de Pavís Pavós, e o sábado 19 de novembro, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, terá lugar na Casa Azul (Sala Almofrei), un Obradoiro de Autodefensa para mulleres ante situacións violentas, monitorado por especialistas da Federación Galega de Loita pertencentes á Policía Nacional.