O Concello de Sanxenxo comunicou que este venres tivo constancia da estafa por parte dunha empresa que opera online, gestoclic.com que cobrou 40 euros pola xestión do empadroamento no municipio a unha lucense sen que finalmente chegásese a tramitar.
A alerta saltou no departamento do Padrón municipal cando unha das persoas afectadas chamou para interesarse polo estado do seu empadroamento. Tras comprobar os datos, confirmouse que non se realizou xestión algunha para obter o empadroamento no municipio.
A empresa utilizou un dos impresos oficiais que se poden descargar na web do Concello de Sanxenxo para coar o engano, así como datos e documentación persoal da afectada. Unha suposta tramitación pola que cobrou 40 euros, pero que nunca se chegou a realizar.
O departamento xurídico municipal analiza, se ademais da correspondente denuncia da afectada diante da Garda Civil, é posible a do Concello de Sanxenxo por utilización fraudulenta da súa imaxe.
As persoas interesadas en empadroarse en Sanxenxo deben saber que se trata dun trámite gratuíto que poden realizar a través da sede electrónica do Concello de Sanxenxo, por vía telefónica ou a través do correo electrónico padron@sanxenxo.es.. Só a través destes medios solicitarase a documentación pertinente para o empadroamento ou cambio de domicilio sen que supoña custo algún.