O Concello de Pontevedra conta con que o Tribunal Administrativo Central, que decretou este martes a suspensión provisional do novo contrato para a limpeza de xardíns e zonas verdes na cidade, levante a devandita medida nos próximos días. Así o indicou o concelleiro de Réxime Interior e Persoal, Vicente García Legísima, que se mostrou convencido de que a resolución final será favorable ao goberno municipal.
O edil afirmou que a suspensión do novo proceso de contratación era "esperable e previsible" tras a denuncia interposta polo Partido Popular. A oposición xustifica o seu recurso contra o prego de condicións deste contrato en que a relación de xardíns inclúe espazos que non son zonas verdes ou que non son de propiedade municipal, citando expresamente os casos da urbanización de Tafisa e dos arredores de Pasarón.
Neste sentido, o Concello alegou ante este tribunal dependente do Ministerio de Facenda esgrimindo informes do director xeral de Urbanismo e do arquitecto que supervisa a obra de urbanización de Tafisa, que avalan a tese defendida polo goberno municipal.
Legísima sinalou que, con respecto a Tafisa, os técnicos municipais consideraron que "había que meter estes terreos no novo contrato, porque só faltan por resolver "algún flecos" para que o Concello recepcione todo este ámbito, algo que fará o próximo mes de marzo. E sobre Pasarón, o Concello recorda que está catalogada como zona verde no PXOM e que, aínda que actualmente é un aparcadoiro disuasorio, está previsto axardinalo en gran parte.
Esta información, segundo o responsable de Patrimonio, estaba a disposición do Partido Popular "e non se dirixiron a ninguén para interesarse", algo que lle fai dubidar de que a intención dos populares con este asunto "é a que din, que querían dialogar"..
DÿBIDAS SOBRE O CONTRATO
Vicente García Legísima quixo rebater tamén as dúbidas que espertou o Partido Popular sobre este contrato de limpeza e acondicionamento de xardíns e zonas verdes da cidade. Os populares aseguraban que se estaba a pagar á empresa por servizos que non se prestaban, xa que o contrato recollía uns metros cadrados a coidar moi superiores aos existentes na realidade.
O concelleiro nacionalista explicou que, actualmente, a empresa cobra uns 28.000 euros mensuais máis IVE, dos cales máis de 23.000 son para pagar os once traballadores actuais. O Concello paga a Elsamex despois de que os servizos técnicos municipais certifiquen que se realizaron os traballos que se recollen no informe que acompaña a cada factura mensual, polo que Legísima nega que se pague diñeiro de máis á empresa.
Con respecto ao novo contrato, recóllese que o equipo se ampliará trece persoas e se incorporan novas zonas como a Illa das Esculturas, que non estaba dentro deste e que supoñen 130.000 metros cadrados a maiores. En todo caso, o goberno municipal insiste en que os técnicos municipais incluíron no prego de licitación as áreas que consideraron que debe cubrir esta nova adxudicación.
Ademais, Legísima recorda que este contrato non se limita tan só ao mantemento e limpeza de xardíns e zonas verdes, senón que inclúe moitas outras contraprestacións para o Concello como a plantación de novas árbores, diferentes podas ao longo do ano ou mesmo á reposición de diferentes elementos que se danaran no ámbito das zonas verdes a coidar, aínda que non sexan expresamente xardíns.