O Concello aforra medio millón de euros na obra da reforma da estación de autobuses

Pontevedra
13 de decembro 2020
Actualizado: 20:36

Unha addenda ao convenio permite reaxustar as contías económicas de Xunta e Concello debido a baixas e a os ritmos de execución da obra. O Concello xa ten abonado 615.000 euros e está en disposición de pagar 400.000 euros, tras a sinatura da addenda. Para 2021, quedaría só unha achega de 14.000 euros

Obras para a creación da Estación Intermodal
Obras para a creación da Estación Intermodal / PontevedraViva

O Concello de Pontevedra vén de aprobar a sinatura dunha nova addenda ao convenio para o desenvolvemento da futura estación intermodal que a Xunta de Galicia executa a través dos Fondos Feder. Nesta addenda o Concello reduce a súa achega en máis de medio millón de euros, quedando o financiamento municipal en 1.029.388 euros.

A reforma da estación intermodal está en marcha dende fai case un ano e debido ás incidencias vividas ao longo do ano 2020, o proxecto acumula certo atraso, tal e como se lle informou ao concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, por parte da Xunta de Galicia.

A pesar desta situación, o Concello quere cumprir cos prazos fixados no convenio mantendo as achegas económicas fixadas, pero adaptadas á realidade actual logo das baixas da adxudicación da obra e da execución.

O  Concello tiña que facer unha achega de 1.537.917 euros, é dicir, o 42,98% do total do orzamento da actuación (3,3 millóns de euros) e que se corresponden co 25% do total do  financiamiento do custo total das actuacións previstas.

O orzamento para a adecuación para a  intermodalidad do conxunto formado polas actuais terminais de autobuses e ferroviaria de Pontevedra, tiña un orzamento de licitación de 3.375.952 euros, que  asumiron 75% a Xunta e 25% o Concello. Mentres que o financiamento da reforma da estación de autobuses asúmea integramente a Xunta.

Finalmente, logo das readaptacións económicas, o Concello terá que facer unha achega global de 1.029.388 euros, é dicir, 508.529 euros menos do previamente fixado.

Sobre como se librarán estes gastos, o Concello xa fixo unha achega de 615.167 euros e está pendente de facer unha achega de 400.000 euros quince días despois da sinatura desta addenda.

Para o ano 2021 quedaría pendente o abono de 14.221 euros.