O Concello advirte á Xunta que o seu proxecto para a EDAR dos Praceres é ilegal

Pontevedra
19 de decembro 2017

O goberno local, tras recibir unha consulta urbanística sobre o anteproxecto de construción dun novo emisario submarino, asegura que incumpre o establecido no proxecto de incidencia supramunicipal redactado pola propia Xunta ao querer colocar a ligazón do emisario na zona que ocupaba o campo de fútbol

Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) dos Praceres
Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) dos Praceres

O anteproxecto para a construción dun novo emisario submarino na Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) dos Praceres non cumpre co  planeamento urbanístico vixente na zona.

Así o asegurou a concelleira Carme da Silva tras debater a cuestión na Comisión de Urbanismo, despois da consulta realizada pola Xunta de Galicia respecto diso.

En concreto, a construción da instalación de ligazón do devandito emisario estaría situada na zona que ocupaba o campo de fútbol que o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal redactado pola propia Xunta para o asentamento industrial de Lourizán contempla para equipamento docente, sanitario,  sociocultultural, deportivo ou oficinas.

"Oh sorpresa, non é compatible co planeamento", sinalou Da Silva antes de asegurar que "non podemos permitir que se execute unha obra incompatible co  planeamento, faga quen a faga". Por iso a edil asegurou que de ser necesario pararían as obras baseándose na competencia municipal en materia de disciplina urbanística.

Para non chegar a esa situación, explicou, as opcións pasan por cambiar de lugar a instalación de ligazón do emisario ou por cambiar o propio plan sectorial, de competencia autonómica.

"Estamos falando dun tema moi serio que é o saneamento da ría de Pontevedra", polo que declarou que no goberno local estarán "extremadamente vixiantes para que todo o que se faga repecuta directamente na mellora do saneamento e a depuración da ría de Pontevedra".

O Concello defende neste asunto a construción de emisarios separados para as augas residuais urbanas e as industriais, en lugar da tubaxe única contemplada no anteproxecto da Xunta, coa intención de poder controlar con maior precisión a orixe de posibles verteduras, en alusión directa a empresas como ENCE que actualmente "conecta directamente coa EDAR".

Arquivado en