Ence non pode continuar en Lourizán. Así o entende o Concello de Pontevedra. Ten claro que a empresa incumpre de forma "reiterada" os parámetros da súa concesión, segundo asegura a concelleira de Urbanismo, Carme da Silva. Baixo ese suposto, destacou que se a Xunta renova a súa autorización ambiental "estaría a vulnerar a legalidade vixente".
Un informe municipal, solicitado pola Xunta o pasado 26 de decembro dentro do proceso para a renovación da autorización ambiental integrada da fábrica de Lourizán, rexeita a concesión deste permiso, obrigatorio para que Ence poida continuar coa súa actividade a beiras da ría de Pontevedra, en base a seis aspectos.
O "máis grave de todos", segundo Da Silva, é o aspecto urbanístico. Dúas normativas aprobadas pola Xunta, as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT) e o Plan de Ordenación do Litoral (POL), establecen as medidas que se debe adoptar para a recuperación destes terreos e a súa incorporación ao litoral galego.
O Concello entende que tanto a autorización ambiental como a prórroga da concesión "incumpren" ambas as directrices e lesionan competencias "exclusivas e excluíntes" do goberno galego. Ademais, Da Silva lembra que estas normas son de "obrigado cumprimento" para todos e denunciou que a Xunta "permite que se pase por encima" das súas propias leis.
Tampouco estaría cuberta desde o punto de vista urbanístico, segundo a edil do BNG, calquera modificación do proceso de produción que poida realizar Ence nas súas instalacións, xa que non estaría amparada polo decreto de supramunicipalidad aprobado no seu día polo goberno de Manuel Fraga e que "é para o que está".
Pero os aspectos ambientais tamén teñen moito peso na decisión do Concello. Carme da Silva explicou que Ence supera "a cada pouco" os parámetros concesionais, fixados para protexer a ría, especialmente na demanda biolóxica de osíxeno. Só no ano 2013, dixo, cinco das 24 medicións realizadas excederon os límites que fixa a concesión.
En relación ás verteduras, Da Silva denunciou que os parámetros admitidos pola autorización ambiental -PH, demanda de osíxeno e nitróxeno ou sólidos en suspensión- son "moi superiores" aos permitidos para as augas residuais urbanas e ao compartir emisario a empresa tería que adaptarse a estes últimos.
"Non se lles pode autorizar un límite que supera aos das augas residuais", apuntou a responsable de Urbanismo, citando unha resolución europea.
A todo iso, súmanse as dúbidas que xera a situación xudicial de todo este asunto. Aseguran que a resolución que resolve parcialmente a caducidade da súa concesión "non é válida" e débese resolver "na súa totalidade". Ademais, lembran que esta decisión non é firme, ao presentar o Concello un recurso contencioso administrativo, o mesmo trámite que se realizou contra a prórroga da concesión.
Así, o Concello entende que a concesión de Ence debería estar caducada xa e a autorización ambiental non podería ser renovada por "causas claras". Todo este proceso é "inviable", segundo a concelleira nacionalista, que reclamou á Xunta que lles remita toda a documentación que achegara a compañía pasteira neste procedemento administrativo.