A xunta de goberno celebrada este luns decidiu que o Concello de Pontevedra acudirá como parte interesada no procedemento administrativo correspondente á prórroga da concesión de terreos públicos a Ence en Lourizán. É o conciso dato achegado respecto diso polo portavoz municipal, Raimundo González, para dar conta dos asuntos tratados na sesión semanal.
O pasado 13 de novembro a Consellería de Medio Ambiente emitía un informe dirixido a Costas do Estado no que sinalaba que a factoría pasteira cumpría cos parámetros da Autorización Ambiental Integrada vixente. Tras ese trámite ten que ser a Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa, a que emita o correspondente ditame sobre a prórroga ou non á continuidade xunto á ría de Pontevedra. Un documento que podería coñecerse no que resta de 2015.
BENEFICIOS DAS INSPECCIÓNS TRIBUTARIAS
Fóra da orde do día, na xunta de goberno, expuxéronse os efectos que van ter no orzamento de 2016 as inspeccións tributarias que vén realizando o concello. " Teñen especial transcendencia " afirmou o portavoz e concelleiro de Facenda, Raimundo González, polo incremento de ingresos que supoñerán nas arcas municipais. Isto é 1.679.764 euros.
No caso do Imposto de Bens Inmobles (IBI) as altas dadas aumentarán o padrón en case 500.000 euros. As inspeccións correspondentes aos terreos urbanos, a chamada "plusvalía" reportará 150.000 euros máis. Seguindo coa listaxe de tributacións, o Imposto de Actividades Económicas (IAE) é o que máis subirá o padrón municipal; en 525.000 euros. As revisións da taxa de auga, sumidoiros e lixo sumarán 409.000 euros; e finalmente a taxa por ocupación da vía pública, instalación de veladores e entrada de vehículos (vaos) supoñerán uns 95.000 euros no apartado de ingresos.
A anécdota do reconto exposto e por extensión das inspeccións realizadas, estivo como puntualizou Raimundo González, en "dúas empresas que estaban a declarar de máis no IAE, polo que tras as inspeccións supúxolles baixar o que tributan".