Da vía administrativa á vía xudicial. A batalla contra a prórroga outorgada a Ence cambia de escenario. A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra acordou interpoñer un recurso contencioso-administrativo ante a Audiencia Nacional contra a decisión do Ministerio de Medio Ambiente de ampliar a concesión da empresa pasteira para operar desde Lourizán ata o ano 2073.
Esta decisión prodúcese despois de que o requirimento previo, presentado polo goberno municipal o pasado 22 de marzo, non fora contestado por Medio Ambiente. Esgotado o prazo para esta resposta, segundo a lei, enténdese que esta é negativa e o ministerio ratifica a decisión tomada de autorizar a Ence a continuidade na ría de Pontevedra.
O recurso está a ser ultimado polos servizos xurídicos do Concello.
Trátase de cumprir a "manifestación clara" do grupo de goberno porque Ence "non siga aí aínda que a pinten de rosa", segundo explicou este luns o seu portavoz, Raimundo González. O edil do BNG reiterou que a empresa xera na ría un "grave problema ambiental", polo que asegurou que "non pararemos ata que saia das marismas de Lourizán".
Raimundo González sinalou ademais que os movementos que está a realizar a compañía nas últimas semanas, aproximándose a diferentes colectivos e entidades da comarca, é un "brinde ao sol para lavar a súa imaxe".
O Concello ten de prazo ata o próximo 23 de xuño para presentar este recurso. A intención do goberno municipal é levalo ao próximo pleno da corporación para que esta tamén apoie o inicio deste procedemento legal.