O Concello acorda a cesión definitiva de Santa Clara á Deputación

Pontevedra
13 de decembro 2021

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e a presidenta da Deputación, Carmela Silva asinarán este martes 14 de decembro o protocolo de colaboración que establecerá as condicións que rexerán este acordo que este luns aprobou a Xunta de Goberno Local

Comparecencia de Anabel Gulías e César Mosquera
Comparecencia de Anabel Gulías e César Mosquera / PontevedraViva

O Concello de Pontevedra acordou a cesión definitiva do convento de Santa Clara á Deputación.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e a presidenta da Deputación, Carmela Silva asinarán este martes 14 de decembro o protocolo de colaboración que establecerá as condicións que rexerán este acordo que este luns aprobou a Xunta de Goberno.

"Recuperar un equipamento público, chegar a acordos con outra administración para dar o mellor á cidade de Pontevedra é un feito que nos enorgullece", valorou a portavoz municipal Anabel Gulías, que compareceu en rolda de prensa acompañada polo vicepresidente da Deputación, César Mosquera, encargado de explicar os detalles desta cesión.

Xa era coñecido que o "destino preferente" do recinto conventual era para o Museo de Pontevedra, unha idea que agora se formaliza co traspaso desta propiedade á Deputación.

Mosquera referiuse á celeridade coa que se dá este paso, apenas dúas semanas despois de executarse a compra do cenobio das clarisas, "para avanzar na definición dos posibles usos" e confirmar se serve para ser incorporado como sede museística. 

O vicepresidente da Deputación asegurou que "eu estou convencido de que nun 95% si pode ter un uso como museo e mesmo resolver os problemas de espazo durante moitos anos. Pero preferimos ser prudentes" e esperar a que sexan os técnicos quen estude esta potencialidade e mesmo negocien con Patrimonio as posibilidades que pode haber. 

Ao longo do primeiro semestre do ano 2022 espérase ter unha proposta e será entón cando se asine o convenio coa cesión definitiva de todo este espazo.

É irrenunciable neste acordo que "toda ou unha parte substancial" da finca do convento sexa "de acceso libre e uso público", concretamente a parte coñecida como "o bosque". A mellor fórmula que se concibe nestes momentos é que o Museo xestione toda a leira.  

Ademais repetirase o modelo xa empregado coas cesións do Pazo de Mugartegui ao Consello Regulador da Denominción de Orixe Rías Baixas ou da Casa das Campás á Universidade de Vigo. De modo que o Concello reservarase o uso dos edificios para algúns actos ou en datas determinadas. 

O Consello Asesor do Museo de Pontevedra avanzou que a idea é elaborar un programa de necesidades e despois convocar un concurso de ideas para este proxecto singular. De maneira paralela Concello e Deputación tentarán conseguir financiamento europeo para custear as obras.