O Concello aclara os pregos do contrato da auga para garantir a continuidade do persoal

Pontevedra
05 de setembro 2017

Na redacción actual do prego técnico non quedaba suficientemente clara esta condición

Tarefas de limpeza de rede de sumidoiros en Pontevedra
Tarefas de limpeza de rede de sumidoiros en Pontevedra / Mónica Patxot

A Xunta de Goberno local aprobou esta semana unha aclaración dos pregos da xestión integral do ciclo da auga relativos á continuidade do persoal.

Segundo explicou o concelleiro responsable da área, Raimundo González, con esta aclaración dos pregos técnicos "ofréceselle unha maior garantía para que as empresas manteñan o persoal actual e tamén para garantir os dereitos laborais e sindicais adquiridos".

Na redacción actual do prego técnico non quedaba suficientemente clara esta condición.

O portavoz explicou que esta aclaración non debera supoñer unha demora substancial dos prazos de aprobación dos pregos, dado que aínda non se tiñan publicado nin no BOE nin do DOGA. A exposición pública comeza a contar unha vez publicado en todos os boletíns oficiais nos que é obriga.

Este mesmo martes enviáronse con carácter urxente a todos os boletíns, polo que non está previsto que esta aclaración afecte aos prazos de publicación dos pregos.

De todos os xeitos, Raimundo González aclarou que, se finalmente influíra nos tempos do proxecto, estaría xustificado dado que "o máis importante é garantir os dereitos laborais e sindicais dos traballadores", que son arredor de 60.

Arquivado en