O Concello, a ENCE: "Non precisan a nosa anuencia para repartir os seus cartos"

Pontevedra
07 de novembro 2016

O Concello de Pontevedra, a través do seu portavoz, reiterou este luns que non se sumará ao pacto ambiental con Ence e que, por tanto, non estará involucrado de ningunha maneira na repartición destes fondos. Raimundo González explicou que Ence é unha empresa privada que "cos seus cartos fai o que quere", polo que non necesita a "anuencia" de ningunha outra administración pública

Raimundo González, portavoz do goberno local de Pontevedra
Raimundo González, portavoz do goberno local de Pontevedra / Mónica Patxot

A repartición dos tres millóns de euros que, anualmente, comprometeuse a entregar a empresa Ence a colectivos sociais de Pontevedra, Poio e Marín segue coleando. E todo pola negativa dos dous primeiros concellos a participar na comisión de seguimento do pacto ambiental asinado entre a compañía e a Xunta.

Esta decisión, entenden diferentes asociacións de Pontevedra e Poio -apoiadas polo PP-, podería provocar que o diñeiro de Ence non lles chegue, a pesar de que desde a empresa reiteraron que aínda que estes dous gobernos municipais non participen deste proceso os beneficiarios destas axudas non se verán prexudicados.

Neste escenario o Concello de Pontevedra, a través do seu portavoz, reiterou este luns que non se sumará ao pacto ambiental con Ence e que, por tanto, non estará involucrado de ningunha maneira na repartición destes fondos.

Raimundo González explicou que Ence é unha empresa privada que "cos seus cartos fai o que quere", polo que non necesita a "anuencia" de ningunha outra administración pública.

O edil do BNG lembra, ademais, que "historicamente" Ence sempre subvencionou a diferentes entidades deportivas e sociais de forma directa e non necesitou recorrer aos concellos.

"Será que non queren pagar ou agora están arrepentidos de anunciar que ían investir eses cartos", ironizou o portavoz do goberno municipal.

Arquivado en