O Concello, a Augas de Galicia: se se actúa sobre ENCE "non habería ningún problema coa seca"

Pontevedra
06 de novembro 2017

A situación actual do río Lérez, tras as últimas choivas, é "menos mala" que a semana pasada, segundo explicou o portavoz do goberno municipal, Raimundo González. Con todo, o caudal que presenta -4,88 metros cúbicos por segundo- é un 900% menos que a media que rexistraba nos últimos anos -48,72 metros cúbicos por segundo-

Mariscadoras fronte a fábrica de Ence en Lourizán
Mariscadoras fronte a fábrica de Ence en Lourizán / Mónica Patxot

A situación actual do río Lérez, tras as últimas choivas, é "menos mala" que a semana pasada, segundo explicou o portavoz do goberno municipal, Raimundo González. Con todo, o caudal que presenta -4,88 metros cúbicos por segundo- é un 900% menos que a media que rexistraba nos últimos anos -48,72 metros cúbicos por segundo-.

O Concello recoñece que estes datos "non son para tirar foguetes", aínda que espera que melloren coas choivas previstas para os próximos días.

Os técnicos detectaron que, debido á falta de auga, os concellos aos que abastece Pontevedra aumentaron "substancialmente" o consumo con respecto ao ano pasado. No seu conxunto, segundo González, a subministración aumentou un 25%.

Os maiores incrementos producíronse en Bueu (43,4%), Sanxenxo (41,3%) e Ponte Caldelas (31,5%), aínda que no último destes tres casos vincúlase coa instalación de novas empresas no parque empresarial da Reigosa. Marín (18,9%) e Poio (6,7%) rexistran aumentos máis moderados no consumo de auga.

Raimundo González entende, á vista destes datos, que o incremento na auga que distribúe Pontevedra débese á estacionalidade e a que diminuíron os acuíferos propios de cada un dos concellos, ante a falta de precipitacións.

Para a reunión convocada con Augas de Galicia, que propón decretar a situación de alerta por seca no río Lérez e na Ría de Pontevedra, o portavoz do goberno municipal de Pontevedra sinalou que de tomar algunha medida, ENCE debería ser obxecto de recortes.

A empresa pasteira, segundo Raimundo González, consome o dobre de auga que todos os concellos da ría xuntos polo que "non hai que ser moi espabilado" para entender que se se actúa sobre a auga que usa a fábrica de Lourizán para a súa produción "non habería ningún problema de auga pola seca".

Segundo os datos rexistrados, os habitantes de Pontevedra, Marín, Poio, Bueu, Ponte Caldelas e Sanxenxo consomen preto de 10 millóns de metros cúbicos de auga; mentres que ENCE aproxímase aos 20 millóns "e sen contar toda a auga que perde polo camiño" polas precarias condicións da rede que abastece á fábrica.

Raimundo González conclúe que só cun plan de fugas por parte de ENCE, o caudal do río Lérez aumentaría de forma notable e inmediata.

Arquivado en