O compost de Pontevedra será clave para o "cambio de cultura" na xestión de residuos

Pontevedra
08 de novembro 2016

Pontevedra quere liderar o "necesario" proceso que se debe iniciar a sociedade para apostar por un "cambio de cultura" na xestión e o tratamento dos residuos que xeramos a diario. Todo iso debe partir, segundo Carmela Silva, dun estudo que se faga "con rigor e responsabilidade". Niso colaborarán a Deputación, o Concello e a Universidade de Vigo

Firma do convenio entre a Deputación, o Concello e a Universidade de Vigo polo compost
Firma do convenio entre a Deputación, o Concello e a Universidade de Vigo polo compost / Mónica Patxot

Pontevedra quere liderar o "necesario" proceso que se debe iniciar a sociedade para apostar por un "cambio de cultura" na xestión e o tratamento dos residuos que xeramos a diario. Todo iso debe partir, segundo Carmela Silva, dun estudo que se faga "con rigor e responsabilidade". Niso colaborarán a Deputación, o Concello e a Universidade de Vigo.

A presidenta provincial asinou un convenio a tres bandas "moi relevante" co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o reitor da institución académica, Salustiano Mato, polo que se investirán 230.000 euros durante o próximos tres anos para investigar os usos e as características do compost que se produza en Pontevedra.

O plan de compostaxe deseñado pola Deputación é, segundo Salustiano Mato, "ambicioso, moderno e de futuro" e permitirá avanzar na xestión "sostible" dos residuos en Pontevedra. A universidade, destacou o reitor, achegará "coñecementos e capacidades" para avanzar neste plan director e dar "seguridade" a todo o proceso.

Esta "alianza estratéxica" permitirá que investigadores da Universidade de Vigo realicen un estudo "completo" que marcará os "patróns" que se deberán aplicar no compost que se produza en Pontevedra -especialmente na planta da Canicouva- para que este material teña un aproveitamento completo.

Así, o obxectivo é que aquela compostaxe elaborada que non sexa de tipo A -aquel que permite un aproveitamento comercial- senón dunha peor calidade póidase utilizar para rexenerar zonas degradadas no medio natural como noiros, canteiras, áreas incendiadas ou chans de baixa calidade "con toda a seguridade ambiental", matizou o reitor da Universidade de Vigo.

Para iso, os científicos da universidade utilizarán os terreos anexos á futura planta da Canicouva como campo de probas con este compost, derivado dos residuos orgánicos. Alí hai unhas nove hectáreas de terreos con pendentes pronunciadas e con espazos de cantería abandonada nos que se comprobará o funcionamento desta materia biodegradable.

En todo caso, desde a Deputación aseguran que o produto que sae dos centros de compostaxe comunitarios en funcionamento e o que se espera producir na Canicouva é da máis alta calidade. Pero con este estudo queren analizar as posibilidades do que se extrae de plantas como Lousame e facer útil un material que acaba queimado ou nun vertedoiro.

O alcalde de Pontevedra destacou que "estamos inmersos nun proxecto vangardista e novidoso" do que non existen datos científicos nin sobre as características do chan galego nin sobre o seu comportamento coa achega deste compost. Por iso, destacou o interese das tres institucións implicadas neste convenio.

Trátase, dixo, dun "proxecto de país" que xerará actividade económica e formativa e que busca lograr aproveitar o 100% dos residuos orgánicos que se xeran en Pontevedra.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación destacou que o importante deste acordo é o "concepto que hai detrás" que é o cambio que a sociedade debe facer á hora de tratar os residuos, apostando por unha maior concienciación social porque "vivimos nunha cultura na que os tratamos como unha mercadoría da que temos que desfacernos" sen ningún tipo de compromiso ambiental.

"Este plan supón un cambio de cultura no que as administracións teñen que estar comprometidas para cambiar hábitos na cidadanía. Temos que ser líderes dos cambios medioambientais, xa é o papel fundamental que lles corresponde aos gobernos", engadiu Carmela Silva.