O Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) conseguiu 14 candidaturas finalistas aos premios 'Best in Class 2019', galardóns que convoca anualmente a publicación especializada Gaceta Médica, xunto coa Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidade Rei Juan Carlos.
Estes premios pretenden recoñecer aos mellores servizos, unidades e procesos asistenciais de hospitais e centros de saúde de todo o ámbito nacional, tanto públicos como privados, valorándose a atención ao paciente e a capacidade dos profesionais sanitarios.
Nesta ocasión os servizos do CHUP elixidos como finalistas foron: Dermatoloxía polo seu tratamento da psoriase; Farmacia Hospitalaria polo seu sistema de preparación de medicación BD CATO; Medicina Interna como servizo, pola súa sección de procesos infecciosos, pola atención do VIH-Sida e polo seu programa de formación dos médicos internos residentes; Psiquiatría como mellor servizo no tratamento da esquizofrenia; Dixestivo pola súa atención á Hepatite C e á patoloxía dixestiva; Hematoloxía; e Microbioloxía, así como a Atención Primaria da área e o propio complexo hospitalario pontevedrés pola súa xestión das demoras asistenciais, a seguridade clínica, as relacións con asociacións de pacientes e os recoñecementos GETECCU de calidade.
A concesión destes premios está baseada na puntuación obtida polos candidatos no Índice de Calidade Asistencial ao Paciente (ICAP).
Gañadores e finalistas formarán parte da Guía dos Mellores Hospitais e Servizos Sanitarios que a organización dos premios 'Best in Class' edita anualmente.
O acto oficial da entrega destes galardóns terá lugar o vindeiro martes 29 de outubro no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela.