O comité de Ence concéntrase o xoves e pide unha nova reunión da mesa polo futuro da empresa

Pontevedra
05 de xullo 2021

A concentración será ás 11.30 horas da mañá diante da Subdelegación do Goberno porque os traballadores esixen unha explicación ás declaracións feitas polo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, nos últimos días. Consideran que "fai evidente que a empresa e o Goberno están a manter contactos"

Concentración do comité de empresa de Ence diante da Subdelegación do Goberno
Concentración do comité de empresa de Ence diante da Subdelegación do Goberno / PontevedraViva

O comité de empresa da fábrica de Ence en Pontevedra volverá saír á rúa o vindeiro xoves 8 de xullo. Farao, nesta ocasión, por varios motivos, entre eles, para pedir se faga unha nova reunión da mesa polo futuro da factoría en Lourizán, ao considerar que "debemos estar alí onde se fale do noso futuro" e están en xogo os seus postos de traballo.

A concentración será ás 11.30 horas da mañá diante da Subdelegación do Goberno porque o outro motivo da concentración será esixir unha explicación ás declaracións feitas polo delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, nos últimos días.

Segundo mantén o comité da fábrica, nesas declaracións "fai evidente que a empresa e o Goberno están a manter contactos".

Os integrantes do comité fan un chamamento a todos os compañeiros que poidan acompañalos.