A Audiencia Nacional volverá debater este xoves 1 de xullo sobre a prórroga de ENCE en Lourizán sen aínda adoptar unha decisión sobre os recursos presentados polo Concello de Pontevedra e tamén por Greenpeace e a APDR.
Unha situación de tensión e incerteza que afecta directamente os traballadores da fábrica, cuxa representación se puxo nos dous posibles escenarios que deixará a sentenza dos maxistrados.
Un deles sería un fallo contrario á prórroga, unha situación na que segundo o Comité de Empresa de ENCE "a mesa de traballo converterase na ferramenta transcendental e imprescindible para alcanzar a viabilidade e garantía de futuro dos nosos postos de traballo", recoñecen. Por iso aseguran que dada ese escenario "impulsarase e apremará con todos os medios ao noso alcance a potenciación e o desenvolvemento da mesma, así como un calendario de reunións que garanta a evolución e progresos para conseguir o devandito fin".
Por outra banda a Audiencia Nacional pode validar a continuidade da pasteira. Nese caso "temos que reclamarlle con máis forza que nunca á empresa que realice o investimento preciso para garantir a competitividade da factoría e dese xeito o futuro dos nosos postos de traballo", explica a representación laboral nun comunicado.