O comité de empresa de Elnosa pide á Xunta a supramunicipalidade para salvar a factoría

Pontevedra
17 de agosto 2016

O Concello de Pontevedra non admitiu a trámite o PERI que tiña solicitado á empresa, que agora ten a posibilidade de recorrer. Os traballadores entenden que é necesaria a intervención da Xunta para garantir a permanencia da factoría en Lourizán

Representantes do comité de empresa de Elnosa con Víctor Ledo e José Luis García Pedrosa, de CC.OO.
Representantes do comité de empresa de Elnosa con Víctor Ledo e José Luis García Pedrosa, de CC.OO. / PontevedraViva

Os representantes do comité de empresa de Elnosa en Pontevedra entenden que o tempo se lles bota encima e por iso anunciaron que se reunirán coa conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato e co conselleiro de Industria, Francisco Conde, co obxectivo de lograr que a Xunta de Galicia ditamine un plan de supramunicipalidade que sirva para superar as decisións do Concello de Pontevedra e, desta forma, a factoría poida manterse na súa actual localización en Lourizán.

O presidente do comité de empresa, Avelino García, acompañado polos representantes de Comisións Obreiras, Víctor Ledo e José Luis García Pedrosa, secretario xeral de CCOO-Industria e secretario comarcal da organización, manifestaron este mércores 17 a súa preocupación ante a decisión do Concello de Pontevedra de non admitir a trámite o Plan especial de reforma interior (PERI) para esa zona que presentara a empresa, tal e como se lle solicitou tanto desde a administración autonómica como desde a local.

A pesar de que a dirección de Elnosa pode recorrer aínda esta decisión, segundo indicou a concelleira Carme da Silva, os representantes dos traballadores entenden que non contan con tempo suficiente porque o prazo da permanencia en Lourizán finaliza en 2018.

Ante esta situación manterán as entrevistas cos conselleiros da Xunta para reclamar a súa intervención e unha solución que entenden só pode pasar pola decisión de declarar a supramunicipalidade deste tema. Anuncian que reforzarán a súa campaña de actos de protesta para defender o centenar de postos de traballo, directos e indirectos, que segundo Comisións Obreiras dependen desta industria en Pontevedra. "Imos vender cara a pel", alertou Víctor Ledo para anunciar que realizasen protestas durante os actos da campaña electoral autonómica. 

Arquivado en