A alcaldesa, María Ramallo, acompañada polas concelleiras Cristina Acuña e Marián Sanmartín, recibiu esta semana a un grupo de comerciantes, nunha reunión convocada a petición do Centro Comercial Aberto Estrela de Marín, para poder abordar necesidades, retos e problemáticas ás que se enfronta o comercio local da vila e poder así dar saída ás súas demandas.
Unha das cuestións centrais da reunión foi a relativa ao estacionamento, algo que preocupa aos comerciantes e que está sendo regulado polo Goberno local para garantir que haxa rotación de clientela.
Ambas partes coincidiron en que a medida de implantación da Zona 2H foi un éxito e supón unha ferramenta útil para garantir que haxa movemento de clientes na vila.
É por iso que os comerciantes farán unha proposta formal ao Concello para poder aplicar esta zona de estacionamento limitado gratuito a 2 horas en rúas que son estratéxicas para o comercio local do centro urbano, como por exemplo a Rúa de Exército e Marina, entre outras opcións.
Ademais, tamén Concello e representantes comerciais están de acordo na importancia de que Marín conte cun aparcadoiro subterráneo, un proxecto que é dificultoso na súa tramitación e posta en marcha pero no que desde o goberno local "seguimos traballando e tratando de avanzar na súa tramitación", explicou a rexedora.
Ramallo trasladou aos comerciantes presentes "todo o noso apoio. Sabemos que o comercio local enfróntase a unha situación difícil se pensamos no mercado xeral, cunha importante competencia das grandes superficies, pero son e seguirán sendo unha parte moi importante da nosa economía local e por iso seguiremos traballando para tratar de axudalos na medida do posible, facilitando cuestións coma esta do estacionamento ou aportándolles visibilidade, como facemos a través da plataforma Marín en Rede".