Os comerciantes da rúa San Román, en colaboración coa plataforma cultural O Sanatorio e a Concellería de Promoción Económica e Turismo, fixeron unha intervención artística no espazo público e nos seus propios establecementos.
Esta intervención lumínica efémera, denominada 'Linguaxes' quedará instalada ata o vindeiro 17 de xaneiro e terá como principal atractivo a exploración da cidadanía a través das luces de neón.
Esta iniciativa está impulsada por emprendedores que compoñen de principio a fin a rúa San Román. A finalidade é incrementar a súa visibilidade mediante a luz.
Segundo sinalaron dende O Sanatorio "para nós é único o poder contribuír en algo, a ese conxunto de persoas e emprendedores que aí seguen xuntos dándolle valor ao comercio local".
Os establecementos da rúa San Román ofrecen desde libros, ata santos e velas, pasando por tatuaxes, hostalería, farmacia, iluminación, zapatos, textil, xoias ou vestimenta alternativa. "É marabilloso atopar veciños que traballan en comunidade".
En opinión da concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, "é un verdadeiro luxo poder contar coa participación creativa de O Sanatorio, un espazo que desde o pasado 25 de abril busca servir de plataforma de efervescencia local, conectando persoas a través de oficios e artes como valor terapéutico e poñéndoas logo a disposición de Pontevedra".