O comedor social de Marín organiza este venres o seu XXXVII Festival do Quilo

Marín
10 de agosto 2023

A concelleira de Benestar Social de Marín, Marián Sanmartín, presentou o evento acompañada de persoal voluntario das Hermanas de la Caridad

Presentación da XXXVII edición do Festival do Kilo do comedor social de Marín
Presentación da XXXVII edición do Festival do Kilo do comedor social de Marín / Concello de Marín

O Comedor Social de Marín acolleu este mércores a presentación do XXXVII Festival do Kilo. No acto estiveron a concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, así como persoal voluntario das Hermanas de la Caridad.

Tal e como rememoraron durante a presentación, este festival leva facéndose desde o segundo ano que abriu o Comedor para levar adiante a súa acción social. Desde entón, fíxose interrumpidamente, sendo sempre un éxito de convocatoria e un exemplo de solidariedade por parte da organización e dos artistas que participan.

Este ano, o cartel está composto polo Gaiteiro Moderno, Manuel Somoza, Antonio Peixoto, Ale y Marcos, Candela e Arte&Maña. Tal e como explicaron durante a presentación, estes artistas veñen de forma solidaria e coma todos os anos, a única aportación que é preciso facer como público é “un, dous, tres ou os quilos que se queiran de alimentos como doazón para o comedor”.

O que máis precisa o Comedor son alimentos non perecedoiros, especialmente aceite, pero recordan os voluntarios que calquera axuda sempre é benvida.

O festival será na Alameda este venres e dará comezo ás 20.30 horas. Durante a presentación, as responsables do Comedor quixeron ter un recordo importante para persoas que fixeron grande este festival desde a súa primeira edición, como Xan das Canicas, un humorista de Pontevedra, o acordeonista Diosiño, o Trío Ruada, o Gaiteiro dos Alegres e outros moitos.

O comedor é un puntal da asistencia social fundamental na vila marinense. Incluso durante a pandemia, os usuarios podían levar dúas racións de comida quente todos os días, ademais dun bocadillo para a cena.

Normalmente, o comedor social ten 80 prazas e durante o verán normalmente atende unha media de 70 persoas. Algúns dos nomes importantes das persoas que levaron adiante o comedor foron Sor Dolores Boado, Sor Celsa e Sor Leonor.

O comedor conta coa colaboración do Concello de Marín, a través dunha subvención nominativa de 5.000 euros ao ano, así como co apoio económico da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra.