O comedor de San Francisco recuperará o servizo de mesa

Pontevedra
26 de xuño 2024

Coa pandemia, San Francisco deixou de usar o comedor de convento e puxo en marcha a fórmula da comida para levar, despachando os alimentos na porta. Esta mecánica seguiu empregándose despois de que as autoridades sanitarias levantaron as restricións polo risco de contaxio por covid e a día de hoxe aínda continúa

Pai Gonzalo Diéguez, responsable do Comedor de San Francisco
Pai Gonzalo Diéguez, responsable do Comedor de San Francisco / Mónica Patxot

Coa pandemia, San Francisco deixou de usar o comedor de convento e puxo en marcha a fórmula da comida para levar, despachando os alimentos na porta. Esta mecánica seguiu empregándose despois de que as autoridades sanitarias levantaran as restricións polo risco de contaxio por covid e a día de hoxe aínda continúa.

Será o próximo mes de setembro, co inicio do curso escolar, cando se recupere o servizo de mesa do comedor de San Francisco, segundo confirmaron as responsables da cociña a PontevedraViva.

Para iso haberá que habilitar cantas quendas de comida sexan necesarias pois a capacidade do comedor é de cen persoas e a media diaria de usuarios oscila entre as 160 e as 180 persoas, con repuntes puntuais nalgunhas xornadas.

Agora poderán volver comer un prato quente sentados á mesa, o que dignifica a situación destas persoas, moitas das cales se vían abocadas a comer na rúa. Tamén redundará nun mellor aproveitamento dos alimentos xa que algunhas das fiambreiras entregadas con comida ou os bocadillos ían directamente ao contedor de lixo por non ser do agrado do comensal.

O perfil do usuario do comedor de San Francisco é moi variado, desde persoas sen fogar nunha situación de pobreza crónica, toxicómanos, migrantes en situación irregular, algúns vagabundos transeúntes, moita xente maior sen recursos e mesmo familias en risco de exclusión social. 

O pasado 13 de xuño cumpríronse 36 anos do funcionamento do comedor de San Francisco. Este servizo solidario funciona os cinco dos días laborables da semana e finánciase coa achega dos fieis a "o pan dos pobres" (os petos para esmolas colocados na igrexa), con doazóns de empresas e particulares e con algunhas axudas de administracións públicas.