A previsión de chuvias para as xornadas do venres 18 e do sábado 19 de agosto obrigan a realizar cambios de última hora na axenda das celebracións de San Roque, no concello de Vilagarcía de Arousa.
O espectáculo "Noites de Festa" mantense o venres, pero en lugar de realizarse ao aire libre, trasládase ao interior do Auditorio Municipal. A verbena do grupo Claxxon programada para ese día, amenizará finalmente a velada do venres 1 de setembro. A modificación máis significativa na programación é a do Combate Naval, que se pospón ata o sábado 2 de setembro.
A elección da nova data do espectáculo pirotécnico co que se pechan as festas patronais en Vilagarcía non é causal. Aínda que o parte meteorolóxico indica que as precipitacións previstas para as vindeiras horas comezarán a remitir a partir da tardiña do sábado, o Combate non poderá celebrarse esa noite por dúas razóns fundamentais. A primeira é que a montaxe precisa de dous días nos que non pode chover para non estragar a pólvora. E a segunda razón, a do operativo de seguridade, é a que impide que o evento se celebre a última fin de semana de agosto, xa que os medios que as forzas de Seguridade do Estado e a Axencia Galega de Seguridade (Axega) destinan á vixilancia e control deste tipo de actos multitudinarios, están comprometidos nas celebracións doutro municipio galego.
Aínda que se mantén a súa celebración, os actos do XVII Capítulo da Confraría do Viño Rías Baixas veranse lixeiramente alterados. A recepción dos colectivos participantes realizarase ás 11.30 horas no Salón García, dende onde, se as condicións climatolóxicas o permiten, sairá a comitiva para desfilar polas rúas peonís do centro urbano e regresar ao punto de partida para continuar co acto de irmandamento coa Confraría Enogastronómica de Madeira e o nomeamento dos novos confrades.
A actividade que se mantén sen cambio o sábado é a verbena que a partir das 23.00 horas ofrecerá a orquestra Metrópolis na Avenida da Mariña xa que, como se dixo anteriormente, as predicións meteorolóxicas apuntan a que as choivas cesarán a partir da tardiña.
A Banda de Música de Vilagarcía de Arousa únese ao Orfeón de voces graves de Arousa, ás Cantareiras Bulideiras de Fontecarmoa e ao gaiteiro vilagarcián Ramón Miguéns Oliveira para presentar "Noites de Festa", un espectáculo creado exclusivamente para ser representado durante as festas patronais da cidade. Trátase dun concerto cun marcado carácter galego no que o público poderá gozar da interpretación de temas como Lela, Cantigas de Camariñas, Cançon de mar ou a Alborada de Pascual Veiga, interpretadas todas elas por formacións locais. A cita é o venres, 18 de agosto, ás 21.00 horas no Auditorio Municipal.