O Comandante do Mando de Operacións felicita os militares despregados na 'Operación Centinela Gallego'

Pontevedra
30 de setembro 2022

O tenente xeneral Francisco Braco Carbó tivo a oportunidade de coñecer sobre o terreo como foi o traballo durante esta campaña de prevención de incendios

O tenente xeneral Francisco Braco Carbó coñece os detalles da Operación Centinela Gallego
O tenente xeneral Francisco Braco Carbó coñece os detalles da Operación Centinela Gallego / BRILAT

O Comandante do Mando de Operacións, tenente xeneral Francisco Braco Carbó, realizou unha visita de inspección ás unidades do Exército de Terra e do Terzo Norte de Infantería de Mariña da Armada que participaron na Operación Centinela Gallego 2022.

O obxectivo da visita foi coñecer de primeira man como se está desenvolvendo a Operación Centinela Gallego 2022 no marco do convenio de colaboración asinado entre o Ministerio de Defensa e a Xunta de Galicia; durante a súa visita Braco Carbó puido entrevistarse co xeneral de brigada Luís Cortés Delgado, xefe da Brigada Galicia VII –BRILAT e mantivo varios encontros cos militares despregados na operación.

O xeneral Braco trasladouse ás instalacións do Escuadrón de Vixilancia Aérea número 10, na provincia da Coruña, onde visitou a base de patrullas da zona Aguila e na que se atopan despregados os infantes de mariña do Terzo Norte da Armada. 

Posteriormente, desprazouse á localidade da Cañiza, a unha das bases de patrulla que a Brilat desprega na zona Azor, onde tamén se lle expuxeron os datos máis significativos desa zona. Desde alí trasladouse ao miradoiro de San Nomedio, punto dominante do terreo que se utiliza como observatorio para realizar as misións de vixilancia asignadas ás patrullas.

A última parte da visita centrouse na Base xeneral Morillo, en Figueirido, onde o xeneral Braco puido ver os medios e ao persoal despregado necesario para operar o sistema PASI (Plataforma Autónoma Sensorizada de Intelixencia), medio aéreo tripulado de forma remota de 400 quilos e con autonomía de 15 horas e que participou por primeira vez na operación. Para finalizar, o Comandante do Mando de Operacións asistiu á exposición por parte do Xefe de Forza cos datos xerais da operación e asinou no Libro de Honra da Unidade.

O xeneral Braco transmitiu aos militares que estiveron despregados nesta operación unha mensaxe de apoio e agradecemento, recoñecendo "su esfuerzo, trabajo y profesionalidad", na súa contribución á seguridade e a prevención de incendios forestais en Galicia.