O Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, acolleu este xoves a presentación do Entroido de Cobres, unha festa declarada de Interese Turístico de Galicia que encherá de música e cor este venres pola tarde o centro de Pontevedra, e entre os días 22 e 25 de febreiro percorrerá os barrios e parroquias de Vilaboa, concello do que procede esta manifestación cultural centenaria.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, animou á cidadanía da provincia a coñecer e vivir esta "tradición marabillosa, colorista e única" na que madamas e galáns, ataviados con vistosas vestimentas, danzan ao son dos instrumentos musicais.
A presidenta anunciou o apoio da institución provincial ao Concello de Vilaboa nas xestións para obter a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional por ser"un patrimonio inmaterial potentísimo, diferente e auténtico".
Asistiron a esta presentación a tenente de alcalde de Vilaboa, Ornela Fernández, e os responsables da Asociación Cultural Cobres, encargada da organización da festa.
Ornela Fernández manifestou que o Entroido de Cobres é unha representación "diferente a todas, que combina o colorido co a danza tradicional e representa a máxima expresión das nosas tradicións".
O vicepresidente da Asociación Cultural Cobres, Daniel Somoza, explicou que a tradición remóntase, segundo diversos escritos, ao século XV. "Os traxes teñen moito colorido, e o que hoxe é bixutería no pasado era ouro. Íase casa por casa a buscalo para adornar a vestimenta", relatou, e agradeceu ás persoas que participan na festa a súa implicación.
Na danza as madamas van ataviadas con vistosas saias de encaixe e blusa branca, cun peto repleto de adornos, con cintas de cores e un espectacular sombreiro de composición floral. "É unha verdadeira xoia artesanal e hai que estar en moi boa forma para bailar", comentou a presidenta da Deputación. Os galáns tamén portan sombreiro, máis lixeiro, e unha vestimenta con adornos, cintas e cores similares aos das madamas.
DANZAS EN PONTEVEDRA
Madamas, galáns e outros personaxes como as "aldeás" e "os de branco" participan, xunto cos músicos, neste Entroido que percorre os barrios e parroquias de San Adrián e Santa Cristina de Cobres. A veciñanza de Pontevedra poderá admirar este espectáculo na tarde deste venres no centro monumental da cidade. Ata 30 persoas desfilarán polas prazas e rúas con paradas para danzar en lugares representativos como a Peregrina ou a Praza da Ferrería. Madamas e galáns danzarán ante o público ao son da gaita, o tambor, as pandeiretas o bombo e os clarinetes.
A danza é o elemento central do Entroido de Cobres pero a programación abarca actuacións de orquestras, agrupacións folclóricas e outras actividades como a Corrida do Galo, que pecha a festa o Martes de Carnaval. "Animo a todo o mundo a gozar deste magnífico espectáculo musical, cultural e visual. É único en Galicia", concluíu Carmela Silva.