O CEIP San Martiño, ubicado na parroquia de Salcedo, inicia este curso un proxecto pioneiro en Galicia para utilizar os robots e a súa programación nas aulas tanto de Educación Infantil como de Primaria.
O proxecto divídese en varios niveis para que o alumnado do centro poida aproveitar todos os recursos que fornecen as novas tecnoloxías ao longo de toda a súa etapa formativa no centro.
Este curso comeza a posta en marcha do proxecto nas aulas de Educación Infantil e Segundo curso de Primaria e, en anos sucesivos, irá estendéndose a outros níveis educativos.
O alumnado de Educación Infantil vai utilizar tecnoloxías punteiras para tablet e ordenador como Probot, Robotis Pets, Bee-Bot e Osmo Coding. Este último é o máis significativo por canto é practicamente a primeira vez que se usa na Galiza e porque vai permitir que os nenos e nenas de 3 a 5 anos se inicien na linguaxe de programación.
En Educación Primaria o proxecto iníciase en segundo curso (nenos de sete anos) onde se vai traballar a linguaxe de programación Scratch que axiña permite aos nenos crear xogos sinxelos e outras aplicacións.
En calquera caso, o grupo de profesoras encargadas desta pioneira iniciativa quere destacar que o seu obxectivo último é utilizar estas ferramentas como un xeito dinámico, novidoso e motivador co que o alumnado de infantil mellore as súas competencias en orientación espacial, resolución de problemas, pensamento lóxico, motricidade fina e traballo en equipo.
Asemade, elas tamén agardan que o traballo en segundo de primaria mellore as competencias lingüísticas e matemáticas e, por suposto, do traballo en equipo, un dos sinais de identidade de toda a formación que ofrece o centro.