O colexio de Riomaior xunta aos cinco alcaldes da comarca coa súa iniciativa "Xirarei polo Morraso"

Vilaboa
06 de outubro 2023

"Xirarei polo Morraso", é o nome do proxecto no que está inmersa a comunidade educativa do CEIP Riomaior de Vilaboa e que este venres reuniu no seu salón de actos aos alcaldes dos cinco municipios que históricamente conformaban a comarca: Félix Juncal (Bueu), María Ramallo (Marín), Araceli Gestido (Cangas), Leticia Santos (Moaña) e César Poza (Vilaboa)

Os alcaldes do Morrazo no CEIP Riomaior
Os alcaldes do Morrazo no CEIP Riomaior / Concello de Vilaboa

"Xirarei polo Morraso", é o nome do proxecto no que está inmersa a comunidade educativa do CEIP Riomaior de Vilaboa e que este venres reuniu no seu salón de actos aos alcaldes dos cinco municipios que históricamente conformaban a comarca: Félix Juncal (Bueu), María Ramallo (Marín), Araceli Gestido (Cangas), Leticia Santos (Moaña) e César Poza (Vilaboa).

Frente a eles un centenar de alumnos dos seis cursos de Primaria do centro acompañados polo equipo directivo e o profesorado do colexio.

Comezaron por explicar aos alcaldes un proxecto que ao longo do curso levará á cativada a investigar e indagar sobre cada una das localidades. Farano en grupos, que eles denominan casas nunha referencia a Hogwarts o colexio de maxia de Harry Potter. Cada casa estará integrada por 22 membros de diferentes idades, cada un deles ten un escudo, un saúdo e un nome. 

Os de Vilaboa escolleron "Danzaríns de Cobres"; os de Cangas son "Cruzados do Hïo"; os de Moaña "Os druidas da Fraga",  "Megatoxos" os de Bueu e os de Marín "Mouros Mariños". Toda unha aventura co trasfondo literario da literatura xuvenil de Manuel Fariña, que visitará o centro este mesmo mes.

Os rapaces non tardaron moito en conquistar aos alcaldes e alcaldesas coas súas preguntas xenéricas sobre cadanseu municipio, pero tamén con moitas de carácter persoal. Por que escolleron a política como profesión, cales eran as súas asignaturas favoritas, as súas aficións e preguntáronlles como lles podían axudar a facer mellor o seu traballo. 

Tamén aproveitaron a reunión dos cinco alcaldes e alcaldesas para documentarse e conseguir información de primeira man sobre o estado das praias, a situación da mobilidade, as especies que se comercializan en lonxa e os lugares que cada un deles recomenda visitar.

Os nenos traballarán ao longo do curso aspectos como os xogos tradicionais de cada localidade, costumes culinarias coa elaboración de recetas a través de materia prima de cada pobo entre outras.

O proxecto rematará co curso cunha acción de impacto que pode ir desde a grabación dun vídeo promocional, ata a elaboración de paneis explicativos ou unha visita a un centro de maiores para compartir a experiencia con eles.