O alumnado do CEIP de Ponte Sampaio conmemorou durante os tres últimos días a Semana polo Clima, unha actividade coa que a dirección do centro se sumou ás actividades convocadas a nivel internacional con motivo da Folga Mundial polo Clima convocada para este venres 27 de setembro.
Para conmemorar a Semana polo Clima, uníronse dende o mércores día 25 ás suxestións formuladas dende o Movemento Galego polo Clima, unha experiencia que resultou "enriquecedora" .
O mércores o alumnado estivo vendo vídeos sobre o cambio climático como 'Happy Learning', 'Lenin' ou 'Una gota de agua'. Ademais, na aula afondaron sobre as consecuencias do cambio climático e coñeceron que poden facer eles para mellorar a saúde do noso planeta.
As actividades continuaron o xoves preparando nas aulas uns murais e cartaces sobre a emerxencia climática e este venres tivo lugar o acto central, unha manifestación no patio que tamén lles deu a oportunidade de falar da realidade actual e cales van ser as pequenas accións que farán no centro e na vida cotiá para facerlle fronte.
Alumnado e profesorado levou camisetas verdes e todos cantaron a canción de Roberto Carlos 'El progreso'.
Desde o centro indican que a partir de agora continuarán traballando nas aulas sobre este tema, xa que consideran que "temos que atallar a actual situación de emerxencia climática na que o noso planeta está a sufrir un dano irreparable e as consecuencias poden ser letais tanto para a subsistencia de determinadas especies animais como para a poboación de zonas costeiras ante a imparable subida do nivel do mar".