O colexio de Ponte Sampaio homenaxea a súa historia a través das traballadoras da Pontesa e a batalla contra os franceses

Pontevedra
07 de abril 2021

O colexio público de Ponte Sampaio é o oitavo centro educativo pontevedrés cun mural de Polo Correo do Vento dentro do programa didáctico ‘O teu cole na historia, coñecendo a nosa contorna’. O mural tamén recolle a Illa de Medal (ou da Insuíña), os petróglifos de Chan das Cruces, o acueduto do Paredón e un picafollas europeo

Mural de Polo Correo do Vento no colexio de Ponte Sampaio
Mural de Polo Correo do Vento no colexio de Ponte Sampaio / CEIP Ponte Sampaio

O colexio público de Ponte Sampaio acaba de sumarse á listaxe de centros educativos pontevedreses que contan cun mural de Polo Correo do Vento dentro do programa didáctico ‘O teu cole na historia, coñecendo a nosa contorna’, promovido pola Concellería de Educación de Pontevedra. 

Este centro é o oitavo en ter un mural e, no seu caso, rende homenaxe á historia da parroquia cun marcado protagonismo feminino. Así, aparecen as campesiñas que participaron na coñecida como batalla de Ponte Sampaio contra os franceses durante a Guerra da Independencia e as antigas traballadoras da fábrica da Pontesa.

O mural realizado por Kike Mauricio e Carlos Taboada, de Polo Correo do Vento, tamén ten moi presente a contorna do centro educativo e recolle elementos como a Illa de Medal (ou da Insuíña), os petróglifos de Chan das Cruces e o acueduto do Paredón, así como un paxariño moi representativo da fauna da parroquia: un picafollas europeo.​

Os murais de Polo Correo do Vento xa presiden tamén os muros dos CEIP de Parada-Campañó, Froebel, A Xunqueira I, A Xunqueira II e Álvarez Limeses, o CEP Campolongo e a EEI de Verducido dentro dun proxecto co que Educación busca que o alumnado dos colexios de Pontevedra coñeza a historia e contorna dos seus centros e se identifiquen con eles

O tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, amosa a súa "enorme satisfacción cun proxecto que superou o seu ecuador e que está a ser recibido con entusiasmo polas comunidades educativas que participan nel" e avanza que a Concellería de Educación tamén ten previstas intervencións nos CEIP San Benito de Lérez, San Martiño (Salcedo), Santo André de Xeve e Manuel Vidal Portela; o CEP Marcos da Portela, e a EEI Fina Casalderrey.