O colexio de Mosteiro, sen nenos ata que Educación garanta aos pais que "é seguro" tras un caso de COVID-19

O Salnés
11 de setembro 2020

"Non temos aulas seguras". É o berro unánime da comunidade escolar dun colexio de Meis, o CPI Mosteiro, despois de que Educación non aceptase atrasar o inicio das clases tras dar positivo por COVID-19 o director do centro, o que obrigou a que outros oito docentes tiveran que iniciar un período de corentena. Neste primeiro día, só dous nenos pisaron as aulas

Protesta das nais e pais do colexio de Mosteiro
Protesta das nais e pais do colexio de Mosteiro / PontevedraViva

"Non temos aulas seguras". É o berro unánime da comunidade escolar dun colexio de Meis, o CPI Mosteiro, despois de que Educación non aceptase atrasar o inicio das clases tras dar positivo por COVID-19 o director do centro, o que obrigou a que outros oito docentes tiveran que iniciar un período de corentena.

Molestos pola falta de información e intranquilos pola situación xerada, os pais negáronse a que os seus fillos inicien as clases. Non irán, aseguran, ata que Educación lles garanta que o centro é seguro. Neste primeiro día, só dous nenos pisaron as aulas do centro. 

"Eu voume a manter nos meus trece de non traer aos meus fillos ata que nos dean unha garantía de que o colexio é seguro", afirma Patricia Lede, nai de dous alumnos do CPI Mosteiro, que lamenta que "aquí non se fixo nada" para resolver este problema.

Sandra Fariña, cuxa filla debería regresar ao colexio o vindeiro mércores, xa avanza que "mentres non nos digan que o colexio está ben desinfectado a miña filla non vai vir". Considera de que a situación é "vergoñosa" e que é unha "falta de ética" das autoridades educativas.

Ademais da desinfección do centro, que segundo aseguran desde a Xunta realizouse na tarde de onte, os pais esixen que se fagan probas PCR aos profesores que non foron illados porque todos eles tiveron contacto co infectado nun claustro celebrado recentemente.

A este respecto, unha das nais que este xoves concentrouse ante o colexio, coincidindo co final da primeira xornada lectiva, afirma que sen esa proba "ninguén me pode garantir que os profesores que tiveron que vir dean negativo".

A presidenta da ANPA, Sonia Otero, engade que o problema é que Sanidade "non localizou o foco" da infección e Educación "non se asegurou de que o persoal pode traballar en condicións seguras para os nenos", polo que a asociación recomenda a todos os pais e nais que non traian aos seus fillos ao colexio.

"Non cuestionamos o protocolo nin nos negamos a que empecen as clases só pedimos que consideren esta situación, que temos un positivo no centro, e que nos permitan ter outros tempos para asegurar a situación e iniciar o colexio a semana que vén", sinala Otero, que afirma que "non sería máis que esperar uns días despois de sete meses sen clase".

Ata a concentración, na que participou máis de medio centenar de persoas, acudiu tamén a alcaldesa de Meis, Marta Giráldez, que criticou a actitude "irresponsable e chulesca" de Educación e pediu que "impere a cordura".

A rexedora considera que "o máis sensato" é que, ante a preocupación dos pais, non se inicien as clases ata o próximo 17 de setembro, data na que debería concluír a corentena dos profesores que foron illados pola COVID-19.

"Non somos ninguén para dicirlle aos pais que teñen que facer cos seus fillos pero considero que non é seguro agora mesmo que traian aos nenos ao colexio", subliñou a alcaldesa.

Ás portas do colexio tamén se atopaba a deputada do BNG Montse Prado, que sinalou que "cualificar de caos o que está a ocorrer é quedar curtos" e cualificou de "despropósito" que Educación dese orde de que o curso se iniciase con normalidade neste colexio cando o director deu positivo por COVID-19 e oito docentes están illados.