O Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra premia o labor de ASSEII

Pontevedra
23 de maio 2023

Os farmacéuticos de Pontevedra outorgaron a ASSEII este premio en recoñecemento ao labor que realiza para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por enfermidades inflamatorias intestinais e ostomizados

Os II Premios Farmacéuticos a Asociacións de Pacientes recoñeceron o labor de ASSEII
Os II Premios Farmacéuticos a Asociacións de Pacientes recoñeceron o labor de ASSEII / Colegio de Farmacéuticos de Pontevedra

No marco do Encontro Farmacéutico do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, celebrado na Toxa con preto de 300 profesionais do sector, entregáronse os II Premios Farmacéuticos a Asociacións de Pacientes.

Nestes galardóns os farmacéuticos pontevedreses recoñeceron o labor da Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais e Ostomizados (ASSEII).

"É unha asociación que non está profesionalizada, senón que o seu labor depende do traballo desinteresado de persoas afectadas pola enfermidade, cuxa filosofía é devolver á sanidade pública e á sociedade o que lles deron, e que lles permite que hoxe poidan gozar das súas familias e levar unha vida digna", explica a presidenta do Colexio, Alba Soutelo.

Engadiu que "a súa procura de solucións para cada necesidade que detectan e a súa loita pola igualdade de oportunidades para as persoas afectadas por estas enfermidades" failles merecedores dos II Premios Farmacéuticos a Asociacións de Pacientes do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra. 

Ángela Paz, presidenta de ASSEII, recolleu o galardón agradecendo o recoñecemento que supón ao labor diario da asociación que preside e cedeu a palabra a Laureano Outeda, un membro da asociación que transmitiu aos presentes as extremas dificultades que atopa no seu día a día como persoa afectada.

No transcurso do Encontro Farmacéutico fíxose entrega ademais de diplomas aos novos farmacéuticos colexiados no ano 2022.