Na tarde deste martes tivo lugar o acto de inauguración da XXII Exposición da Camelia do CEP Campolongo.
O obxectivo desta iniciativa é achegar a arte floral á comunidade educativa deste colexio público.
Esta é unha mostra que se celebra desde hai máis de dúas décadas e xa se ten convertido nunha cita ineludible do inverno cultural da Boa Vila, e mesmo da provincia.
Ata este xoves poderán visitarse no centro escolar un amplo abanico de especies que, un ano máis, converten esta exposición floral nunha mostra de exemplares destacados procedentes da contorna de Pontevedra. Exemplares dunha flor, a camelia, que é un símbolo da nosa provincia e dos galegos.
Cada ano son máis as persoas que se animan a visitar a provincia de Pontevedra para coñecer algúns dos exemplares de camelia de interese histórico e botánico, así como Pazos ou Castelos, como o de Soutomaior, con rutas específicas centradas nesta fermosa flor.