O Colexio de Avogados de Pontevedra apoia o dereito á folga da quenda de oficio

Pontevedra
31 de xaneiro 2024

A Xunta de Goberno do Colexio reuniuse este martes e, segundo trasladaron distintos avogados a PontevedraViva, decidiu "apoiar o dereito de folga dos seus colexiados e colexiadas adscritos á Quenda de Oficio" e trasladar este acordo aos decanatos dos xulgados de todos os partidos xudiciais da circunscrición territorial de Pontevedra

Concentración convocada polo Colexio Provincial de Avogados de Pontevedra diante da Audiencia
Concentración convocada polo Colexio Provincial de Avogados de Pontevedra diante da Audiencia / PontevedraViva

O Colexio Provincial de Avogados de Pontevedra decidiu apoiar aos letrados da quenda de oficio na folga que manteñen desde hai máis de dous meses.

A Xunta de Goberno do Colexio reuniuse este martes e, segundo trasladaron distintos avogados a PontevedraViva, decidiu apoiar a folga, convocada de forma indefinida polo sindicato Venia a nivel estatal desde o 21 de novembro de 2023.

Así acordou "apoiar o dereito de folga dos seus colexiados e colexiadas adscritos á Quenda de Oficio" e tamén que trasladará este acordo aos decanatos dos xulgados de todos os partidos xudiciais da circunscrición territorial de Pontevedra.

No seu acordo, o Colexio lembra, iso si, que apoia a folga "sen prexuízo do cumprimento das obrigacións que a normativa impón aos Colexios na xestión e organización do servizo obrigatorio de asistencia letrada e defensa gratuítas".

Os avogados da quenda de oficio chegaron a esta folga tras reclamar sen éxito unha subida de baremos "digna" e o pago de todas as súas actuacións. Denuncian que a situación da quenda de oficio, e a avogacía en xeral, "é dramática" e que a avogacía de despacho unipersoal "está orfa do amparo institucional" (Consello Xeral da Avogacía, Colexios Autonómicos da Avogacía e Colexios de Avogados).

Entre as súas reivindicacións figura a regulación xurídica do profesional da quenda de oficio; retribucións dignas abonadas en tempo e forma; retribución da totalidade das actuacións realizadas para as que fomos designados e dos tempos de dispoñibilidade; abono dos custos nos que incorra o profesional ao prestar o servizo; actualización anual das retribucións conforme ao IPC; cotización á Seguridade Social con efectos retroactivos; dereito á conciliación, descanso e desconexión dixital; reduccion da carga burocrática; dereito á formación gratuíta; e recoñecemento da condición de autoridade.

O MINISTERIO, EN CONTRA
O Ministerio de Xustiza considera que legalmente non é posible levar a cabo o exercicio de folga na prestación do servizo de Asistencia Xurídica Gratuíta. "Os profesionais da avogacía e de procúraa que prestan servizos na quenda de oficio non teñen unha relación laboral, estatutaria nin funcionarial co Ministerio de Xustiza, polo que, no caso de que suspendesen o exercicio das súas funcións de asistencia xurídica gratuíta, tal cesamento non estaría amparada por dereito de folga algún e levaría aparelladas as consecuencias disciplinarias oportunas por parte dos respectivos Colexios Profesionais”, expresou en novembro nun oficio remitido o pasado venres ao Consello Xeral da Avogacía.

A decisión ampárase o un informe elaborado pola Avogacía do Estado no que se asegura que "non existindo relación laboral, estatutaria ou funcionarial entre o Ministerio de Xustiza e os letrados que prestan asistencia xurídica gratuíta en quenda de oficio non resta senón concluír que carecen do dereito de folga e que o cesamento da prestación do servizo deberá levar aparelladas as consecuencias disciplinarias oportunas por parte dos Colexios Profesionais".