O CEIP Carballal de Marín ten este luns tres premios novos. Trátase de tres recoñecementos no Festival Escolar e Universitario das Artes Audiovisuais 'eMove Festival' e no Festival Internacional de Cine e Dereitos Humanos de Valencia.
En concreto, recoñeceuse o traballo do alumnado de segundo de primaria do centro, polos vídeos 'As praias de Marín' e 'Maruxa'.
O vídeo de corte literario 'As praias de Marín', baseado nunha serie de acrósticos de Eduardo Víctor Castro López, recibiu o premio á mellor reportaxe para o primeiro ciclo de primaria no 'eMove Festival', outorgado por un xurado de prestixio internacional pertencente a compañías como Warner Bross, Clan Tv, Discovery, Paramount ou National Geographic.
A curta de stop motion 'Maruxa' recibiu o premio á mellor Curta de Animación do primeiro ciclo de primaria nese mesmo festivl e tamén o premio 'Valores Humanos' que otorga o Humans Fest (Festival Internacional de Cine e Dereitos Humanos de Valencia).
Os traballos foron producidos durante o curso pasado cos mestres Patricia Cacharrón, María González, Carlos Fuente, Olalla Paz e Víctor Castro e poden visualizarse na canle de Youtube 'O recuncho de Tambo'.
A gala de entrega de premios foi na Cidade da Imaxe de Madrid (Kinépolis) o pasado sábado 19 de outubro e asistiron tres mestres do claustro do centro e un alumno, Lois Piñeiro Ucha.