O colexio Abrente acollerá este sábado as actividades do Día da Xuventude

Sanxenxo
02 de maio 2024

A ampla programación dará comezo ás 16 horas e finalizará ás 21 horas cun concerto

Futbolín humano
Futbolín humano

A Xunta de Galicia e o Concello de Sanxenxo poñen en marcha o programa Día da Xuventude, unha iniciativa que conta cunha ampla programación formativa e de lecer. 

Esta proposta terá lugar o vindeiro sábado 4 de maio, comezando ás 16.00 horas e finalizando ás 21.00. Ese punto final chegará despois da actuación de Brko e Erre prevista para as 20.30. 

A actividade concentrarase no colexio Abrente debido ás previsións de choiva.

Entre as actividades anunciada para esa tarde atópanse fútbol burbulla, futbolín humano, tiro con arco, lego e escape box, gastronomía saudable, xogos educativos e showcooking con produtos locais e de tempada, información xuvenil, caravana móbil como punto de información de recursos para a mocidade, sensibilización ambiental, talleres dinámicos sobre a protección do medio ambiente, o cambio climático ou a reciclaxe.

Haberá tamén obradoiros sobre igualdade de xénero, relacións tóxicas fronte a relacións de bo trato, taller de grafiti, técnicas de aprendizaxe rápida e mural común, habilidades de empregabilidade, dinámicas grupais para a elaboración do currículo ou abordaxe dunha entrevista de traballo e amenización con DJ durante toda a xornada.

Está dirixido a mozos galegos de entre 12 e 35 anos.