O colectivo 'Por un parque para perros digno' solicita unha audiencia urxente co alcalde

Pontevedra
20 de marzo 2014

A plataforma convocou un novo acto de protesta para o sábado 29 de marzo a partires das 12.00 en Campolongo, fronte á igrexa de San Xosé. Os organizadores teñen previsto dirixirse ata o canil das marismas de Alba

Representantes do colectivo 'Por un parque para perros digno' ante a Subdelegación do Goberno
Representantes do colectivo 'Por un parque para perros digno' ante a Subdelegación do Goberno / Mónica Patxot

O colectivo 'Por un parque para perros digno' presentou no rexistro do Concello unha solicitude con carácter urxente para que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, reciba varios representantes deste grupo que reclama espazos verdes no núcleo urbano para poder pasear sen correa as súas mascotas.

Estes propietarios de cans presentan ademais un manifesto no que reclaman o acondicionamento do canil de Alba coa instalación de iluminación que permita acudir ata alí pola noite; habilitar horarios en zonas verdes da cidade para que os cans poidan xogar soltos con opcións na Parda, o Miradoiro de Monte Porreiro e a Illa das Esculturas, ademais da zona dos gafos, Campolongo, Alameda, Valdecorvos e Torrente Ballester; e que se eviten as sancións mentres non se establecen horarios neses espazos que solicitan para o paseo de cans sen correa e se retiren as sancións inxustas.

Por outra parte, o colectivo convocou para este sábado 29 de marzo unha nova concentración a partir das 12.00 horas no barrio de Campolongo, fronte á igrexa de San Xosé. Os organizadores teñen previsto dirixirse dende alí ata o canil das marismas de Alba para demostrar que é un espazo insuficiente se coinciden numerosos cans.