O BNG volve alzar a voz para denunciar "o colapso" do sistema de Urxencias da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. A deputada encargada da área de Sanidade, Montse Prado, critica que hai "corenta doentes pendentes de ingreso" en Monteceloque tiveron que ser trasladados ao Hospital do Salnés ou o QuirónSalud de Pontevedra.
O xerente da área sanitaria, José Flores, recoñeceu este feito e asegura que se trata dunha forma de proceder completamente normal. "O que fixemos foi poñer a disposición dos pacientes os tres hospitais públicos cos que contamos na área sanitaria: o do Salnés, o Provincial e Montecelo", explicou o responsable, quen admitiu tamén que algún paciente foi derivado ao QuirónSalud pontevedrés, "centro co que temos convenio", como consecuencia da ocupación de camas no resto de hospitais.
Explica Flores que esta situación é consecuencia do "incremento das persoas que acudiron ao servizo de Urxencias dos hospitais da área sanitaria esta fin de semana". Moitos destes pacientes necesitaban ingreso hospitalario e como a ocupación en Montecelo era alta, "algún paciente foi derivado ao Salnés e tamén ao Quirón", admite o xerente. "Esta é a forma de proceder. Os pacientes poden terminar ingresados no sitio onde se lle poidan ofrecer os mellores coidados, sempre dentro da nosa rede de hospitais galegos", remata Jose Flores.
Pola súa banda, desde o Bloque aseguran que "levamos meses denunciando que esta situación estaba producindo tensións nas Urxencias dos hospitais e temos que dicir que esa situación xa é de alarma".
Denuncian ademais que non se trata dunha situación puntual, posto o persoal das ambulancias do 061 ten a orde de que "aos pacientes de Sanxenxo, Meis, Portas, O Grove, Caldas, Cuntis, Moraña e Meaño sexan trasladados a Urxencias do Hospital do Salnés e non ao de Montecelo", asegura Prado.
Esta situación de colapso non é nova e faise extendible tamén aos centros de saúde e Puntos de Atención Continuada (PACs) da área sanitaria, "o quilómetro cero da desfeita sanitaria consecuencia de 13 anos de recortes por parte do PP", segundo os nacionalistas.
Alega Montse Prado que se trata de "unha situación inaceptable de permanente alarma sanitaria en Atención Primaria porque non hai ningún PAC nin centro de saúde que teña unha situación de normalidade, cos cadros de persoal que lle corresponde". A consecuencia disto é que "centos de persoas atópanse con que non é posible pedir cita e miles de persoas non teñen profesionais asignado", asegura a deputada do BNG.
"Unha área sanitaria con nove PACs nos que día si e día tamén non hai profesionais, quendas enteiras sen médico e xente obrigada a ir peregrinando por centros médicos", engade Prado, relatando numerosos exemplos de falta de persoal en datas recentes en centros sanitarios de toda a área.
É por iso que esixen ao Sergas que "fagan público cal é o plan de continxencia diante desta situación". Os nacionalistas esixen saber "cal é o número de profesionais contratados para reforzar os servizos, por canto tempo, que tipo de contrato e que aumento de recursos se ten realizado". Ademais, reclaman que se deixe de maltratar ao persoal sanitario e que se garanta unha atención sanitaria digna para as 300.000 persoas usuarias desta área sanitaria.