Ata 2.152 quilómetros percorridos e 56 usuarios e usuarias rexistradas no sistema. Ese é o balance final dos dous meses que durou a fase de probas do 'coche de punto', o servizo municipal de transporte a demanda entre o rural de Pontevedra e o centro da cidade.
A media de viaxes realizada por cada persoa foi de 6,5 viaxes, pero baixa ata os 4,4 se se eliminan da conta as tres persoas que máis uso fan deste transporte a demanda.
Estas viaxes tiveron unha duración media de 17 minutos e 12 segundos e un custo medio estimado de 11,2 euros -que asumiron as empresas que están impulsando este proxecto-. Foron normalmente viaxes individuais, sen compartir vehículo.
A zona con máis saídas (101) foi a composta por Campañó, Alba, Lérez e Cerponzóns e as zonas con máis destino foron a cidade (185), e estas mesmas catro parroquias. Polo contrario, a zona con menos saídas e destinos sería a de Xeve (13 e 3, respectivamente).
O edil de Mobilidade, Demetrio Gómez, explicou que "un caso que haberá que estudar" é o baixo nivel de destinos na zona de Mourente, Bora e Marcón, lugar no que se sitúa o Hospital Montecelo, polo que avanzou que "haberá que estudalo e ver que acontece".
Os principais problemas que apareceron na fase de probas foron dous: a dificultade das persoas maiores no uso da aplicación informática e a xeolocalización dos enderezos do rural, algo que se solucionou con axuda presencial e coa asistencia dos taxistas.
A previsión do Concello segue a ser que o servizo de transporte a demanda que será posto en marcha na cidade nalgún momento entre finais de 2022 e principios de 2023.