O Club Naval espera que a Xunta de luz verde á dragaxe do río Lérez

Pontevedra
31 de marzo 2019

Na Asemblea do Club tamén se informou do interese dunha multinacional pola sede do Náutico, cuxa concesión termina no 2033. Nos próximos días visitarán o local para estudar as súas posibilidades de aproveitamento como espazo gastronómico

Instalacións do Club Naval de Pontevedra na avenida de Uruguay
Instalacións do Club Naval de Pontevedra na avenida de Uruguay / Club Naval de Pontevedra

O presidente do Club Naval de Pontevedra, Carlos Paz, espera que a Xunta de Galicia desbloquee o proxecto da dragaxe do río Lérez. A falta de calado inutiliza durante a marea baixa un dos pantaláns desta entidade.

O candidato do PP á Alcaldía de Pontevedra, Rafa Domínguez, avanzou a este directivo que Portos de Galicia modificará o punto de vertedura e xa non se depositarán nas inmediacións a illa de Tambo os lodos e sedimentos extraídos da desembocadura do Lérez, senón que se trasladarán a augas máis abertas da ría. Unha decisión que atende ás queixas do sector marisqueiro e bateeiro e que obrigará a corrixir parte da documentación do proxecto, atrasando de novo a súa execución.

Así se informou este sábado aos socios do Club Naval no transcurso da Asemblea Xeral Ordinaria. O presidente enmarcou este anuncio no momento preelectoral e apuntou que estes días tamén se reuniu con representantes do Partido Socialista e a próxima semana farao co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores e parlamentario autonómico do BNG Luís Bará.

Na Asemblea do Club tamén se informou do interese dunha multinacional pola sede do Náutico, cuxa concesión termina no 2033. Nos próximos días visitarán o local para estudar as súas posibilidades de aproveitamento como espazo gastronómico.